O PSdeG de Monterroso pide ao goberno local abrir o diálogo para elaborar os orzamentos de 2026

O PSdeG-PSOE de Monterroso presentou unha proposta dirixida á alcaldía para que o goberno municipal inicie contactos cos diferentes grupos da corporación co fin de elaborar os orzamentos do exercicio 2026. O voceiro socialista, Rafael García, lembrou que o municipio leva funcionando con contas prorrogadas dende 2023, un documento que, ao seu ver, “xa non responde ás necesidades reais da nosa vila”.
García defendeu que é necesario abrir un proceso de diálogo entre todas as formacións municipais para aprobar uns orzamentos consensuados que garantan estabilidade e axilidade na xestión. O portavoz puxo o foco na delicada situación financeira do Concello, asegurando que o goberno local recorre de forma reiterada aos remanentes de tesourería para cubrir gastos ordinarios como a recollida de lixo, o alumeado público, o combustible dos vehículos ou mesmo produtos de alimentación para os servizos municipais.
Segundo indicou, o uso destes fondos debería limitarse a situacións extraordinarias, mais advertiu que “para este goberno municipal converteuse nunha práctica habitual”, lembrando que no que vai de ano xa se aprobaron tres modificacións de crédito para inxectar liquidez ás partidas esgotadas ou insuficientes.
O grupo socialista sinala que esta tendencia supón un risco para a estabilidade económica do Concello, dado que xa se mobilizaron máis de 736.000 euros procedentes dos aforros das lexislaturas anteriores. Neste sentido, lembran que a Interventora municipal advertiu no seu último informe de que esta práctica pode comprometer gravemente o equilibrio orzamentario.
O PSdeG defende que a saída pasa por unha planificación económica axeitada e pola recuperación do diálogo institucional. “Monterroso precisa contas novas e estabilidade. É hora de poñer fin á improvisación e de traballar con seriedade polo futuro da nosa vila”, concluíu García, quen reiterou a disposición do seu grupo ao entendemento para avanzar cara a uns orzamentos realistas e acordes coa situación actual.