O PSdeG de Palas critica o rexeitamento do PP ás súas mocións sobre débeda, Palestina e o cambio climático

O Grupo Municipal Socialista de Palas de Rei levou ao pleno ordinario de setembro cinco mocións que abordaban cuestións sociais, ambientais e internacionais de relevancia, como a condonación parcial da débeda autonómica, a situación en Palestina, a loita contra os incendios, o cambio climático e a condena da violencia política. A maioría destas propostas toparon coa negativa do Partido Popular, ao que os socialistas reprochan falta de vontade política.
A voceira do PSdeG, Ana M. Corredoira, acusou ao PP de manterse “ancorado na confrontación e nas consignas partidarias, mesmo cando se trata de defender dereitos fundamentais ou acceder a recursos que mellorarían a vida da veciñanza”.
A primeira moción instaba á Xunta a aceptar a proposta do Goberno de España de condonar parte da débeda autonómica, liberando fondos para reforzar a sanidade e a educación. O PP rexeitouna, desviando o debate cara a Cataluña. Corredoira considerou esta postura unha “irresponsabilidade” que lastra os servizos públicos en Galicia.
En relación coa moción sobre Palestina, os socialistas reclamaban condenar con claridade o “xenocidio” en Gaza e apoiar as medidas do Executivo central. O PP tentou impulsar unha redacción alternativa pero negouse a empregar o termo “xenocidio”, algo que Corredoira criticou con dureza.
A única iniciativa aprobada por unanimidade foi a de condena á violencia contra partidos, entidades sociais e medios de comunicación, aínda que desde o PSdeG lembran que o voto debe ir acompañado dun compromiso real de rexeitamento a calquera forma de acoso no debate público.
En canto ás propostas sobre incendios e cambio climático, o PP condicionou o seu apoio á unificación das mocións nunha declaración institucional dirixida á Xunta e ao Goberno central. Corredoira advertiu que estarán “atentas” para comprobar se o acordo se cumpre.
Os socialistas tamén aproveitaron a sesión para preguntar pola apertura da biblioteca municipal, o convenio coa Escola de Música e a existencia dunha programación cultural e deportiva estruturada. As respostas do goberno local foron cualificadas pola portavoz de “evasivas e pouco concretas”.
O PSdeG defendeu que estas iniciativas forman parte da súa estratexia como oposición “útil e construtiva, centrada en defender os intereses da veciñanza de Palas de Rei”.