O PSdeG de Palas de Rei aborda as consecuencias das obras da estrada A-54

LugoXa
A portavoz socialista no municipio, Ana Corredoira, sinalou que “a situación é complexa en relación co subministro de auga, que se viu prexudicado"
PSOE-Palas-de-Rei
19 Mar 2025

O grupo socialista de Palas de Rei mantivo unha xuntanza de traballo cun equipo técnico do Ministerio de Transportes e cunha representación da veciñanza do Vilar, na parroquia de Remonde, para analizar os problemas derivados das obras da autovía A-54, que conecta Lugo con Santiago. No encontro tamén estivo presente a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.

A portavoz socialista no municipio, Ana Corredoira, sinalou que “a situación é especialmente complexa en relación co subministro de auga, que se viu prexudicado polos traballos da infraestrutura”. Durante a reunión, abordouse unha proposta de actuación para recuperar o abastecemento a través dunha rede pública, considerada como unha “prioridade absoluta”.

Corredoira tamén incidiu na necesidade de revisar outros aspectos, como o peche dos perímetros do novo trazado da autovía “para previr a saída de gando e mesmo a entrada de fauna salvaxe”, así como o estado das estradas e camiños públicos que se viron deteriorados co avance das obras.

A reunión serviu tamén como espazo para que os residentes puideran expor as súas preocupacións, formular preguntas e trasladar suxestións aos responsables presentes.

“Foi unha xuntanza moi útil e oportuna”, valorou Corredoira, quen considera que este encontro pode marcar “un antes e un despois para achegar unha solución estable que devolva a normalidade á vida dos veciños afectados”. Ademais, agradeceu “a disposición ao diálogo dos técnicos e a implicación da Subdelegada do Goberno no seguimento deste asunto”.

⚙ Configurar cookies
0.089228868484497