O PsdeG de Portomarín critica o "deficiente estado" dos servizos de prevención de incendios

LugoXa
Os socialistas de Portomarín lamentan a "falta de interese" da Xunta e do Concello ante o mal estado dos servizos de prevención de incendios
prevencion incendios portomarin (1)
26 Maio 2022

O PSdeG de Portomarín criticou hoxe o “deficiente” estado dos servizos de prevención e extinción de incendios no Concello de Portomarín.

Os socialistas lamentan o que tildan de “falla de interese” da Xunta e o Concello neste senso. Lembran, asemade, os recortes sufridos dende o ano 2020 “cando a Xunta eliminou os dous helicópteros e as dúas brigadas helitransportadas ubicadas na Base de Helicópteros de Portomarín”.

Os socialistas explican que o pasado 24 de maio a Xunta realizou un simulacro con base na parroquia de Cortapezas, na que participou o delegado da Xunta, xunto con varios xefes territoriais, así como membros do Goberno local.

Din que “foi unha magoa que todos estes representantes da Xunta e do PP non se achegaran a visitar a Base de Helicópteros para coñecer as instalacións e comprometer o restablecemento da situación anterior a 2020”.

Nesa liña, tamén lamentan “que non se achegaran a coñecer as condicións nas que se atopa o vehículo motobomba do Concello de Portomarín, que leva máis de dous anos parado, e o Concello de Portomarín non foi capaz de arranxalo ou tramitar ante a Xunta de Galicia a incorporación dun novo”.

Ademais, aproveitando esta visita a Portomarín, “puideron visitar os depósitos de auga do Concello, que están completamente abandonados, e sen ningún tipo de mantemento; unha situación realmente perigosa xa que nos encamiñamos a época de máximo risco de incendios”.

Os socialistas lembran, que hai un ano o PSdeG de Portomarín xa presentou varias iniciativas co fin de instar á Xunta de Galicia a que dotara á Base de Helicópteros de Portomarín dos dous helicópteros e das dúas brigadas helitransportadas.

Igualmente, solicitouse que se tramitara ante a Xunta de Galicia a provisión dun novo camión motobomba para a extinción de incendios. “Estas iniciativas foron rexeitadas polo goberno municipal do PP do Concello de Portomarín, esta é a súa campaña de prevención, rexeitar novas dotacións”, din os socialistas.

Por iso, segundo avanzan, dende o PSdeG de Portomarín “voltaremos a solicitar no próximo pleno que se melloren as dotacións da Base de Helicópteros. E ao mesmo tempo que se solicite a Xunta un novo camión motobomba, e que se proceda a realizar a labores de acondicionamento e mantemento de tódolos depósitos de auga do Concello, para que estea en condicións óptimas para os meses de verán, nos que o risco de incendios aumenta considerablemente”.

0.20564699172974