O PSdeG de Portomarín denuncia a suspensión reiterada de plenos e acusa o alcalde de paralizar o Concello

O PSdeG-PSOE de Portomarín vén de denunciar unha nova suspensión do pleno municipal por parte do alcalde, unha práctica que, segundo sinalan, se repite de forma constante ao longo do mandato e que consideran unha “grave falta de respecto ás obrigas institucionais e ao normal funcionamento democrático do Concello”.
O voceiro socialista, Sergio Vázquez, lamenta “a absoluta falta de planificación e responsabilidade” do rexedor, asegurando que só se lembra dos plenos cando a oposición presenta mocións. “Acordouse porque presentamos mocións, pero logo nin fala cos seus nin se preocupa de cumprir co procedemento”, afirmou.
Desde o grupo socialista aseguran que esta actitude reflicte unha deixadez intolerable e unha total ausencia de vontade política. “Non ten interese en gobernar nin en dar resposta ás necesidades da veciñanza. Nin sequera cumpre co mínimo que se espera dun alcalde”, engade Vázquez.
O PSdeG tiña previsto someter a debate dúas mocións de relevancia: unha para reclamar á Xunta a cobertura inmediata da praza de médico vacante no centro de saúde de Portomarín, ante a ausencia de atención médica en días completos e a falta de reforzos no verán, a pesar da importancia do municipio no Camiño de Santiago; e outra para instar á Xunta a aceptar os 380 millóns do novo Plan Estatal de Vivenda, que permitirían construír 4.000 vivendas públicas en Galicia.
“Non imos permitir que Portomarín siga sen médico porque o alcalde non quere molestar á Xunta”, subliñou Vázquez. E sobre a vivenda, denunciou que “a negativa a aproveitar fondos estatais só revela a subordinación total do PP aos seus intereses partidistas”.
O PSdeG-PSOE reclama a inmediata convocatoria do pleno suspendido, así como o respecto ao calendario das sesións. “Portomarín non pode seguir paralizado pola inacción dun alcalde que elude as súas responsabilidades”, concluíron.