O PSdeG de Portomarín denuncia que a veciñanza continúa sen auga potable

LugoXa
O grupo socialista acusa o alcalde de inacción e alerta dun risco para a saúde pública e para o sector turístico
Estado-da-auga-Portomarín
7 Aug 2025

O grupo municipal socialista de Portomarín volveu lanzar unha dura crítica ao goberno local pola situación da auga no municipio, que cualifican como “un grave problema de salubridade pública”.

Segundo denuncian, un ano despois de facer públicas dúas análises que confirmaban que a auga da traída non era apta para o consumo, a situación segue sen mellorar: a veciñanza continúa sufrindo cortes, turbidez e malos olores na subministración.

O voceiro do PSdeG, Sergio Vázquez, considera que “a situación é insostible”, e lembra que hai dous anos o alcalde asegurou que xa se estaba a executar un proxecto de mellora e culpaba das deficiencias ás chuvias. “Agora non chove e a auga segue saíndo como barro. Non se pode beber, nin cociñar, nin lavar a roupa. Isto é un atentado contra a saúde pública”, sentenciou.

En setembro de 2024, os socialistas encargaran unha análise independente ante a falta de información por parte do Concello, que determinou con claridade que a auga non era potable. Desde entón, explican, a única resposta do alcalde foi remitir ás análises do SINAC, “que levaban meses sen actualizarse”, e aseguran que a día de hoxe seguen sen datos oficiais e sen solucións concretas.

O PSdeG considera especialmente grave que o executivo local permita que a veciñanza siga consumindo unha auga de orixe e calidade dubidosa sen ofrecer información, alternativas ou medidas de protección. Insisten en que non se trata dunha simple incomodidade, senón dun risco sanitario real, especialmente para persoas vulnerables como nenos, maiores ou doentes crónicos. “A pesar diso, o Concello continúa sen actuar nin ofrecer explicacións claras”, denuncian.

Os socialistas tamén advirten do impacto económico desta situación, que afecta especialmente ao sector hostaleiro e aos aloxamentos turísticos. “Non falamos só dun problema doméstico, senón dun factor que danifica a imaxe de Portomarín e prexudica directamente a quen vive do turismo”, indican, lembrando que xa hai peregrinos que presentaron queixas e negocios que se ven obrigados a buscar solucións por conta propia, mentres “o alcalde permanece ausente”.

Desde o PSdeG esixen unha resposta inmediata e eficaz. “É hora de actuar con responsabilidade e deixar atrás a parálise e as escusas dun goberno que leva dous anos ignorando este problema”, afirmou Sergio Vázquez. Reclaman solucións técnicas reais e duradeiras que garantan unha subministración segura e de calidade, advertindo de que está en xogo non só a saúde pública, senón tamén a confianza dunha veciñanza que, segundo denuncian, leva demasiado tempo esperando mentres o alcalde evita asumir responsabilidades.

⚙ Configurar cookies
0.20051503181458