O PSdeG de Portomarín denuncia uns servizos “precarios e impropios do século XXI”

LugoXa
Os socialistas acusan ao goberno local do PP de “inxustiza e irresponsabilidade” por incrementar as tarifas mentres a veciñanza segue sen auga potable nin servizos de calidade
PSOE-Portomarín
7 Nov 2025

O PSdeG-PSOE de Portomarín criticou a suba xeneralizada das taxas da auga, do lixo e das terrazas. A agrupación socialista cualifica a medida de “inxusta e irresponsable”, ao entender que se aplican incrementos “sen acometer ningunha mellora” en servizos que, segundo afirman, seguen a ser “precarios e impropios do século XXI”.

O voceiro socialista, Sergio Vázquez, subliñou que o grupo non se opón á necesaria actualización das tarifas, pero considera inaceptable que se leve a cabo mentres persisten graves carencias, especialmente no servizo de abastecemento de auga. “Non hai auga potable a maior parte do ano, e o Concello leva dous anos prometendo solucións que nunca chegan”, advertiu.

Os socialistas lembran que a auga chega turbia, con cheiros e cortes constantes, e que os informes e análises independentes realizados confirman a súa mala calidade. “O alcalde asegurou que o proxecto estaba en marcha, pero seguimos igual: a auga sae turbia, non se pode beber nin cociñar con ela, e o goberno local nin sequera é capaz de garantir unha mínima calidade”, denunciou Vázquez, quen explicou que o grupo socialista se abstivo na votación. “A auga é coma chocolate, non fan nada por amañalo e suben esta animalada. É un insulto á veciñanza”, engadiu.

O PSdeG sostén que o executivo local “pretende agora compensar anos de inacción cargando o custo sobre a cidadanía”, e insiste en que a situación da auga en Portomarín é “un problema histórico que o PP se nega a afrontar”.

En relación ao lixo, a formación socialista tamén denuncia “un incremento desmesurado e sen melloras reais”. Consideran que a medida é “inxusta e desproporcionada”, especialmente para os establecementos hostaleiros, que poderían chegar a pagar ata 2.000 euros anuais malia abrir só medio ano. “Recollen o lixo cando lles cadra, os contedores están a rebentar e non hai ningún control do servizo”, criticou o voceiro.

Tamén cuestionan a nova ordenanza de terrazas, que, segundo o PSdeG, duplica as taxas e impón condicións “irreais e inaplicables” aos negocios locais. “Advertímolo no pleno: o alcalde aprobou unha norma imposible de cumprir e que non se adapta á realidade de Portomarín. É unha falta de seriedade absoluta”, censuran.

Para o PSdeG, o aumento das taxas demostra “a falta de rumbo e de planificación” dun goberno local que “sube impostos mentres os servizos continúan nun estado crítico”. “A veciñanza paga máis, pero segue recibindo o mesmo servizo deficiente de sempre. Esta situación é o resultado de anos de deixadez e falta de investimento público”, concluíu Sergio Vázquez, quen anunciou que o grupo socialista seguirá denunciando esta situación e defendendo os intereses da cidadanía fronte á “inacción do PP”.

⚙ Configurar cookies
0.082268953323364