O PSdeG defenderá no Pleno da Deputación a paralización da reforma das Gándaras

O Grupo Provincial Socialista defenderá no próximo Pleno da Deputación de Lugo a paralización das obras e a modificación do proxecto da Residencia de Maiores das Gándaras, que prevé transformar habitacións individuais en dobres e reducir o número de prazas. O PSdeG alerta de que esta reforma, que acompañou nas últimas semanas con mobilizacións cada sábado diante do centro, supón unha perda evidente de intimidade para os residentes.
Tras analizar o Proxecto Básico e de Execución de Remodelación, o partido confirma o que os propios residentes levan advertindo: a conversión sistemática de habitacións individuais en dobres, incorporando dúas camas nun mesmo espazo común sen tabiquería de separación, “anula calquera posibilidade de vida privada”. Os socialistas cuestionan o modelo de atención que a Xunta aplica nos seus centros, en contraste coas residencias provinciais, que “poñen no centro ás persoas, aos nosos maiores e o seu benestar, coidando non só as ratios de persoal e os servizos, senón tamén a calidade dos espazos e a preservación da dignidade e intimidade á que ninguén debería renunciar por mor da idade”.
A moción instará á Xunta e á Consellería de Política Social a paralizar de inmediato as obras, modificar o proxecto para respectar a configuración individual das habitacións e convocar unha reunión urxente coa dirección do centro e cos representantes das persoas residentes para consensuar unha reforma que respecte a súa vontade.