O PSdeG demanda que se derrogue o decreto que fixa un número mínimo de estudantes no Campus Terra

LugoXa
O conselleiro indicou que este número mínimo permite ofrecer propostas atractivas para o alumnado e a mellora constante do sistema, ademais de ser un criterio acordado coas tres universidades
campus_terra_lugo
Campus Terra
29 Maio 2024

A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, reclamoulle ao conselleiro de Educación que derrogue o Decreto 222/2011, que fixa un mínimo de 45 alumnos de novo ingreso para garantir a continuidade dos graos universitarios nos campus periféricos. A responsable socialista presentou unha pregunta oral para reclamarlle á Xunta que retire esta “espada de Damocles” que pon en risco a continuidade de varios graos no Campus Terra de Lugo.

Explicou que esta norma pon en perigo os graos de Paisaxe e Enxeñaría Civil ou de Procesos Químicos que o Goberno galego quixo suprimir, mentres os graos de Enxeñería Agrícola e Agroalimentaria e o de Enxeñería Forestal e do medio natural serían convertidos en interuniversitarios no ano 2025. Advertiu que a reestruturación, que foi aprazada pola presión da comunidade universitaria, as institucións locais e a sociedade lucense, aínda ameaza ao campus.

Sinalou que a continuidade destas carreiras universitarias “non pode depender unicamente de dispor dun mínimo de alumnado” cando se trata por exemplo neste caso dunha formación especializada vencellada ao sector agrario, e polo tanto “columna vertebral do Campus Terra”. Lonxe de suprimilas, reclamou potenciar estas ensinanzas, porque “diso depende o motor económico dunha cidade, unha provincia e mesmo de toda Galicia, que é o sector Primario”.

Reclamoulle ao goberno galego que varíe os criterios para a continuidade das titulacións, xa que a día de hoxe “aos enxeñeiros agrícolas e forestais os van buscar á Universidade”, polo que, dixo, “ao mellor é máis importante promocionar as universidades e os títulos universitarios”. Criticou que se lles “enche a boca de apostar polo medio rural, o medio ambiente e o forestal, pero necesitamos profesionais que fagan ese traballo no territorio”.

Criterio unificado

Pola súa parte, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez indicou que este número mínimo permite ofrecer propostas atractivas para o alumnado e a mellora constante do sistema, ademais de ser un criterio acordado coas tres universidades. “Os cambios realizados no Campus Terra ata agora foron moi positivos e permitiron crear novas titulacións que fixeron medrar o alumnado”, rematou. E avanzou que nos próximos meses cómpre analizar coas universidades cales son as decisións que toman sobre a oferta global dos seus campus para continuar nesta senda.

Destacou no Parlamento a aposta da Xunta de Galicia polos campus periféricos, a través de iniciativas como a especialización para aproveitar as potencialidades e singularidades de cada un deles. Puxo como exemplo o crecemento do Campus Terra de Lugo, o segundo en acadar esta acreditación de
especialización, que é hoxe un motor de desenvolvemento social e económico para toda a
provincia.

O titular do departamento educativo da Xunta puxo en valor a posta en marcha de novas
titulacións no Campus Terra “como os graos de Bioquímica, Empresa e Tecnoloxía, Robótica e Xestión cultural ou o máster en Xenómica e Xenética, que son polos de captación de alumnado”. Grazas a esta política de impulso conseguiuse “cambiar a dinámica da matrícula” que pasou de estar en negativo a gañar alumnado “cunha media de 100 novos estudantes cada ano”, afirmou.

0.19664287567139