O PSdeG denuncia a ausencia de atención médica en Baleira durante dous días

O PSdeG-PSOE de Baleira denunciou que o centro de saúde do municipio permanecerá sen servizo médico durante dous días consecutivos, o luns 30 de xuño e o martes 1 de xullo, deixando sen atención sanitaria á poboación local.
O voceiro socialista, José Tellado, advertiu da gravidade da situación e advertiu de que podería marcar o inicio dunha nova vaga de recortes sanitarios durante o verán, como xa ocorreu noutras ocasións.
Tellado puxo o foco nas consecuencias directas desta falta de cobertura médica, subliñando que moitas persoas vense obrigadas a desprazarse ao Punto de Atención Continuada (PAC) do Corgo para recibir asistencia. “Estamos a falar de doenzas que non poden agardar varios días para seren atendidas. Isto implica demoras excesivas e, en moitos casos, urxencias que requiren resposta inmediata”, asegurou.
A esta problemática súmase, segundo indicou o voceiro socialista, o paso constante de peregrinos polo concello, en plena tempada alta do Camiño de Santiago. “Neste momento do ano Baleira recibe a diario numerosos camiñantes, que percorren longas distancias e están expostos ás altas temperaturas, o que pode derivar en situacións de risco que precisan asistencia inmediata”, explicou. Tellado denunciou tamén que “nin sequera está operativa unha das fontes municipais, dificultando a hidratación tanto da veciñanza como dos peregrinos, algo aínda máis preocupante nestas condicións climatolóxicas extremas”.
O PSdeG lembra que moitas persoas deben percorrer arredor de 60 quilómetros entre ida e volta para chegar ao PAC do Corgo, unha distancia que consideran “inasumible” para quen está enfermo, se atopa en recuperación ou non dispón de medios de transporte. “Moitas persoas maiores dependen de familiares ou teñen que pagar un taxi para recibir atención, o que supón unha dificultade engadida inxustificable”, apuntou Tellado.
Os socialistas tamén cuestionan a organización sanitaria actual, considerando máis lóxico derivar os pacientes ao PAC de Meira, “situado a só 5 ou 10 minutos de moitas zonas do concello, o que permitiría unha resposta moito máis rápida e eficiente”.
Por todo isto, o PSdeG de Baleira esixe ao Sergas e á Xunta de Galicia que garantan a atención sanitaria no centro de saúde do municipio durante todo o ano, incluídos os meses de verán, e reclaman medidas urxentes para evitar que se repitan situacións como esta nas vindeiras semanas.