O PSdeG denuncia a falta de diálogo da Xunta na reforma da residencia das Gándaras

GaliciaXa | LugoXa
Pola súa parte, o PP defende o investimento da Xunta e asegura melloras en accesibilidade, seguridade e modelo asistencial
PSdeG-Lara-Mendez-usuarios-residencia-As-Gandaras
25 Mar 2026

O Grupo Socialista no Parlamento de Galicia expresou no pleno a súa “fonda preocupación” pola reforma da residencia de maiores das Gándaras de Lugo, unha situación que, segundo indicaron, leva xerando protestas entre residentes e familiares desde o pasado 29 de novembro, hai xa catro meses.

A deputada Lara Méndez explicou que, segundo trasladan as persoas afectadas, a comparación entre a actual distribución do centro e os planos das obras apunta a unha “transformación relevante do modelo residencial”. Entre os cambios previstos, advertiu da conversión de habitacións individuais en cuartos dobres, o que implicaría unha perda de espazos de privacidade. Tamén sinalou a posible eliminación dunha trintena de prazas no conxunto dos cinco andares, o que podería derivar nun maior amoreamento. “Non falamos dunha residencia, falamos do seu fogar, non dun apeadoiro”, afirmou, reclamando un “trato digno” para os usuarios.

Méndez insistiu en que a nova organización non garante condicións adecuadas de intimidade nin respecta o dereito das persoas residentes a contar cun espazo propio nun lugar que constitúe o seu fogar permanente. Neste sentido, subliñou que están en xogo cuestións como a dignidade, a autonomía e a participación nas decisións que afectan á súa vida diaria.

Ademais, defendeu que calquera intervención estrutural nun centro destas características debería incorporar un proceso real de información, diálogo e escoita activa, algo que, segundo os propios residentes, non se produciu. Criticou tamén que o proxecto non contempla o impacto emocional e social da reforma, incrementando a sensación de indefensión entre os afectados. Así mesmo, lembrou que a conselleira continúa sen reunirse con eles e instou a ofrecer solucións ás súas demandas.

Fronte a isto, a parlamentaria socialista reivindicou modelos de atención centrada nas persoas e en unidades de convivencia que prioricen a personalización dos coidados, a intimidade e o respecto ás preferencias individuais, criticando o que considera unha regresión cara a modelos máis hospitalarios afastados das demandas actuais de humanización e calidade de vida.

CONTESTACIÓN DESDE A XUNTA

Pola súa banda, a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou que a Xunta destinará máis de 8 millóns de euros á remodelación interior e exterior da residencia das Gándaras co obxectivo de mellorar a accesibilidade e a seguridade. Este investimento forma parte dun plan máis amplo na cidade de Lugo que supera os 10 millóns de euros e inclúe tamén actuacións na residencia da Milagrosa, cun orzamento de 1,7 millóns.

No caso concreto das Gándaras, explicou que a reforma permitirá que todas as habitacións dispoñan de baño propio e que se melloren as zonas comúns mediante a creación de salas de convivencia e comedores en cada planta, co fin de evitar desprazamentos innecesarios. Ademais, reiterou que non se reducirá o número de cuartos individuais.

A conselleira sinalou que este investimento exemplifica o compromiso do Goberno galego co benestar das persoas maiores e cun novo modelo de coidados nas residencias públicas, baseado nunha maior coordinación sociosanitaria, no uso das novas tecnoloxías e na creación de espazos máis humanos e funcionais.

0.14398002624512