O PSdeG denuncia a tramitación irregular da Conta Xeral do Concello de Portomarín

O Grupo Municipal Socialista de Portomarín denunciou no pleno extraordinario a tramitación “absolutamente irregular” da Conta Xeral do Concello do exercicio 2024, un procedemento que, segundo advertiu o voceiro socialista Sergio Vázquez, “volve incumprir un ano máis os prazos legais establecidos”.
Dende o PSdeG explican que a Conta Xeral debía levarse a pleno antes do 1 de outubro de 2025 e remitirse ao Consello de Contas antes do día 15 dese mesmo mes. Porén, o goberno municipal retrasou este trámite ata febreiro. “Non estamos ante un feito puntual, senón ante unha forma de gobernar baseada no atraso permanente e no incumprimento dos procedementos legais”, indicou Vázquez.
A formación socialista denuncia que a tramitación xa comezou de xeito irregular ao celebrarse a Comisión Especial de Contas o 23 de decembro, cando debía convocarse e emitirse informe antes do 1 de xuño. Ademais, a Comisión foi convocada con só dous días hábiles de antelación, impedindo aos concelleiros dispoñer dos 15 días legais para analizar a documentación. O voceiro socialista cualificou esta forma de proceder como “unha auténtica falta de respecto ás normas e á corporación municipal” e amosou a súa indignación porque “estamos a falar dun atraso de sete meses na rendición de contas, algo absolutamente inaceptable”.
O PSdeG alerta de que este desleixo ten consecuencias directas para Portomarín, xa que mentres a Conta Xeral non estea aprobada, o Concello queda fóra das convocatorias de subvencións da Xunta de Galicia, moitas delas concentradas nos meses de decembro e febreiro. “Portomarín non pode optar a estas axudas pola desidia do alcalde, ao que non lle importan as oportunidades que perde o Concello por non cumprir cos prazos”, denuncian dende o Grupo Municipal.
Segundo explican, durante a Comisión celebrada en decembro o goberno local xustificou o atraso apelando a unha suposta “situación transitoria dos recursos humanos e técnicos”, un argumento que os socialistas cualifican de “escusa de chiste e burla á veciñanza”, sobre todo tendo en conta que esta mesma situación se repite desde 2021, coa chegada de Pablo Rivas á Alcaldía. Dende ese ano, a Conta Xeral lévase sistematicamente ao exercicio seguinte.
As e os socialistas critican tamén que esta falta de planificación se estenda aos orzamentos municipais. “Portomarín non conta con orzamentos desde 2021, malia tratarse dun goberno con maioría absoluta que non debía ter ningún problema para aprobalos”. O PSdeG lembra que os presupostos foron a excusa para atrasar o último pleno do ano pasado, co compromiso de presentalos na primeira semana de xaneiro. “Chegou febreiro e seguimos sen orzamentos. A falta de xestión e de planificación deste goberno é un insulto á cidadanía”, engaden.
Dende o PSdeG advirten de que, tras ser o último concello da provincia de Lugo en render contas o ano pasado, “Portomarín vai camiño do mesmo resultado”. Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista reitera o seu voto en contra da Conta Xeral e asegura que seguirá esixindo responsabilidades políticas, o cumprimento da legalidade e unha xestión seria e transparente en defensa dos intereses da veciñanza.