O PSdeG denuncia en Baleira a falta de medidas ante os graves problemas de abastecemento de auga

LugoXa
Os socialistas reclaman solucións urxentes tras semanas de cortes intermitentes e baixa presión que afectan ás tarefas cotiás das familias
PSdeG-Baleira
23 Sep 2025

O Grupo Municipal Socialista de Baleira advertiu da grave situación que padecen numerosas veciñas e veciños do municipio, que levan semanas soportando cortes intermitentes e falta de presión na subministración de auga, ata o punto de que non lles chega para cubrir tarefas tan básicas como asearse, cociñar ou poñer unha lavadora.

O voceiro socialista, José Tellado, cualificou a situación de “especialmente grave” nesta época do ano, lembrando que “a auga non chega nin para bañar un neno sen ter que mercar garrafas e fervelas previamente”. Segundo afirmou, o problema arrástrase desde hai anos sen que o goberno local adoptase medidas e sen que exista, a día de hoxe, un plan enriba da mesa.

Tellado participou na reunión entre os veciños afectados e o Concello, onde, segundo sinalou, volveu quedar patente a falta de resposta do executivo municipal, que non ofreceu solucións nin compromisos para mellorar o servizo.

Os socialistas lembran que o abastecemento domiciliario de auga potable é un servizo público esencial que compete aos concellos e consideran que o goberno do PP está a incumprir a súa obriga de garantir a subministración en todas as vivendas.

Por iso, o PSdeG trasladará a problemática ao vindeiro pleno municipal mediante un rogo no que esixirá medidas inmediatas. “Falamos dun ben esencial, indispensable para o día a día. Non é admisible que as familias de Baleira teñan que vivir con cortes ou con presión insuficiente. O PP está a mirar para outro lado e desde o PSdeG non imos deixar de reclamar solucións”, concluíu Tellado.

⚙ Configurar cookies
0.09775710105896