O PSdeG denuncia que Baleira pasará sete días sen médico durante as vacacións da facultativa titular

O Grupo Municipal Socialista de Baleira alertou da grave situación sanitaria que atravesa o municipio, xa que durante as dúas semanas de vacacións da facultativa titular o centro de saúde só contará con médico substituto en catro xornadas. Unha realidade que, segundo o voceiro socialista, José Tellado, é “insostible” e pon de manifesto a falta de compromiso da Xunta coa sanidade pública.
Tellado cualificou a situación de “auténtica irresponsabilidade” e denunciou que cada vez que se producen baixas ou períodos de descanso, o municipio queda sen cobertura médica. “É absolutamente intolerable que Baleira quede abandonada e sen servizo sanitario, obrigando ás persoas a desprazarse a outros concellos”, declarou.
Segundo explicou, xa non houbo facultativo os días 4 e 5, nin tampouco o haberá do 8 ao 10. O substituto só está previsto para os días 11, 12, 16 e 17 de setembro, mentres que o 15 e o 18 o centro volverá quedar sen médico. A facultativa reincorporarase o venres 19, polo que en total Baleira pasará sete días sen atención médica durante este período.
O portavoz socialista advertiu de que esta situación resulta especialmente grave para unha veciñanza maioritariamente envellecida, con persoas enfermas ou sen medios de transporte, que se ve obrigada a realizar longos desprazamentos. “Estamos nun concello rural no que a atención sanitaria é vital. Deixar a Baleira nesta situación é a mostra máis clara do declive ao que o PP está sometendo á sanidade pública en Galicia”, insistiu.
Desde o PSdeG reclaman á Xunta e ao Sergas que cubran de inmediato as ausencias previsibles, como as vacacións, e que adopten medidas urxentes para garantir unha atención sanitaria continua e digna. “Non podemos normalizar que cada vez que unha médica colla vacacións, a veciñanza quede desamparada. Isto non é unha anécdota, senón un problema estrutural que afecta a toda Galicia”, concluíu Tellado.