O PSdeG denuncia un “engano” do alcalde de Portomarín tras delegar as súas funcións por vacacións

LugoXa
Os socialistas solicitarán explicacións no próximo pleno municipal para aclarar o alcance da delegación e o exercicio efectivo da Alcaldía durante ese período
PSOE-Portomarín-pleno
10 Mar 2026

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE en Portomarín denunciou o que cualifica como un “engano” por parte do alcalde, Pablo Rivas, despois de que este delegase formalmente todas as súas funcións no primeiro tenente de alcalde durante un mes por vacacións mentres, segundo sosteñen, continúa exercendo con normalidade as responsabilidades propias da Alcaldía.

Segundo explicou o voceiro socialista, Sergio Vázquez, durante ese período o rexedor seguiu participando na actividade institucional do Concello de Portomarín e asistindo a actos públicos na súa condición de alcalde con aparente normalidade. Estes feitos, engaden desde a formación, quedaron reflectidos tanto en informacións publicadas nos medios de comunicación como nas propias publicacións oficiais e nas redes sociais municipais.

Desde o grupo municipal socialista lembran ademais que, de acordo co acordo organizativo aprobado ao comezo do mandato de Rivas, cando o alcalde delega as súas funcións por ausencia, o tenente de alcalde que asume temporalmente a Alcaldía percibe a retribución correspondente durante ese período.

“Se o rexedor continúa acudindo ao Concello, participando en actos e exercendo as súas funcións con normalidade, alguén terá que explicar por que se mantén esa substitución e se paga un soldo ao tenente de alcalde. A veciñanza merece transparencia e explicacións claras”, sinalan desde a formación socialista.

Ante esta situación, o PSdeG de Portomarín anunciou que solicitará explicacións no próximo pleno municipal co obxectivo de aclarar o alcance real da delegación das funcións da Alcaldía e coñecer quen exerceu efectivamente esas responsabilidades durante ese tempo.

“Queremos saber se o alcalde está realmente de vacacións ou se, pola contra, se está utilizando esta fórmula para xustificar unha situación que non se corresponde coa realidade. A xestión municipal debe ser transparente e respectuosa cos recursos públicos”, concluíu Sergio Vázquez.

0.13053202629089