O PSdeG esixe á Xunta que paralice a reforma das Gándaras e preserve a intimidade das persoas usuarias

LugoXa
As socialistas denuncian que a conversión de habitacións individuais en dobres supón un retroceso nas condicións de vida e alertan do déficit de prazas públicas en Lugo
PSOE-residencia-das-Gándaras
19 Feb 2026

O PSdeG-PSOE reclamou á Xunta de Galicia que rectifique o proxecto de reforma da Residencia das Gándaras e paralice a conversión de habitacións individuais en dobres, ao considerar que a actuación supón un retroceso nas condicións de vida das persoas usuarias, tanto pola perda de intimidade como pola diminución de prazas previstas no centro.

Representantes socialistas do Parlamento de Galicia, Deputación de Lugo, Concello de Lugo e Congreso, situaron esta reforma como un exemplo do modelo de xestión do Partido Popular, que, segundo alertaron, non garante unha vellez digna nin atende á crecente demanda de atención á dependencia.

A deputada autonómica, Lara Méndez, destacou que o PSdeG defende “un envellecemento proactivo” para garantir a autonomía das persoas maiores, pero sinalou que, cando esa autonomía se perde, “as administracións teñen a obriga de ofrecer lugares e servizos que permitan afrontar esa última etapa con dignidade”. Denunciou que o modelo do PP “non garante esa vellez digna” e lembrou a carencia de prazas públicas na cidade de Lugo, onde “non se creou ningunha praza nova en máis de 40 anos”.

Méndez advertiu que a Xunta está executando na residencia unhas obras con fondos europeos, cun investimento de case 8 millóns de euros, e que o resultado será “reducir case 30 prazas e quitar intimidade” ao promover habitacións compartidas. Subliñou que o espazo íntimo que permite ás persoas sentirse cómodas está a verse limitado, e lembrou as concentracións que levan semanas celebrándose “sábado tras sábado”, co PSdeG acompañando ás persoas usuarias.

A deputada asegurou que o partido levará iniciativas en todas as institucións para defender ás persoas residentes, lembrando que esta posición xa foi trasladada no Parlamento galego e que tanto a Deputación de Lugo como o Concello impulsarán medidas nesta liña.

A deputada provincial Pilar García Porto destacou que desde a Deputación e o Grupo Provincial Socialista levan anos reclamando melloras na atención ás persoas maiores, contrapondo este modelo co da Xunta, baseado en residencias de proximidade onde os maiores permanecen no seu concello e contorna, cunha vellez máis digna. Reprochou que a Xunta non concerta novas prazas públicas mentres favorece as privadas, lembrando que a última mellora significativa na provincia foi en Antas de Ulla, máis de 30 anos despois da apertura da residencia. Tamén mencionou a situación de arredor de dez persoas que levan tres anos nun piso en Monterroso sen as condicións mínimas que precisan.

O Grupo Provincial Socialista levará este asunto ao pleno da Deputación o martes, reclamando á Xunta tres puntos: garantir unha vellez digna; que as obras melloren a calidade de vida sen reducir a intimidade; e revisar o modelo de atención ante a crecente demanda.

Dende o Concello de Lugo, a concelleira Ángeles Novo asegurou que o goberno local estivo “ao carón dos usuarios e usuarias” e que o alcalde mantivo reunións cos traballadores e residentes para coñecer de primeira man a situación. Reclamou que a Xunta escoite ás persoas afectadas e respecten a súa dignidade e intimidade, lembrando que a normativa autonómica, a Constitución e a Convención da ONU protexen estes dereitos. O Concello levará tamén a cuestión ao pleno municipal.

Pechou a rolda de prensa a deputada do PSOE no Congreso, Patricia Otero, quen cualificou a situación como “un exemplo máis da xestión de residencias do goberno galego” e criticou a influencia do modelo de Madrid, alertando das consecuencias negativas que este tipo de xestión provocou, incluso durante a COVID-19. Reivindicou o papel do goberno socialista na posta en marcha da Lei de Dependencia e no incremento dos fondos para este ámbito, preguntándose polo destino dos recursos enviados á Xunta de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.082979917526245