O PSdeG esixe unha intervención inmediata nas Urxencias do HULA ante unha situación de “extrema gravidade”

LugoXa
Lara Méndez reclama un plan integral de reforzo para as Urxencias hospitalarias galegas e denuncia falta de persoal e medios no centro lucense
concentración-celadores-urxencias-HULA
22 Feb 2026

A deputada do PSdeG Lara Méndez López vén de rexistrar no Parlamento de Galicia unha iniciativa coa que insta á Xunta a actuar de maneira urxente no Servizo de Urxencias do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), ao considerar que a situación actual reviste unha “extrema gravidade”. Segundo sinala, o que está a acontecer no complexo hospitalario lucense non constitúe un episodio illado, senón que é o reflexo dun modelo sanitario que cualifica de esgotado en Galicia.

Méndez manifestou o seu respaldo ás reivindicacións do persoal de enfermaría, dos Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAE) e dos celadores e celadoras, que levan tempo advertindo dunha elevada sobrecarga asistencial, da escaseza de recursos materiais básicos e de deficiencias nas medidas de seguridade. A parlamentaria subliña que estas demandas non responden a intereses corporativos, senón á defensa da seguridade das persoas pacientes e da dignidade profesional.

A deputada socialista advirte de que a recente reorganización aplicada no HULA se levou a cabo sen un diálogo efectivo cos profesionais e cunha planificación que considera desequilibrada, ao reforzar o persoal médico sen incorporar o correspondente aumento de efectivos en enfermaría, TCAE e celadores. Ao seu xuízo, esta decisión rompe o equilibrio asistencial e pon en risco a calidade da atención.

Entre as carencias detectadas menciona a insuficiente dotación de persoal en Urxencias 3, nos boxes de Críticos, na área de Observación e nas quendas nocturnas, así como a falta de equipamento básico por box. Tamén apunta deficiencias nos sistemas de chamamento que deben garantir a confidencialidade das persoas usuarias e un incremento das situacións de tensión e agresións que, segundo denuncia, non están a recibir unha resposta adecuada en materia de seguridade.

Méndez enmarca estes feitos nun problema de carácter estrutural que afecta ao conxunto das Urxencias hospitalarias galegas, sometidas, segundo indica, a unha presión crecente durante anos sen a posta en marcha dun plan estable de reforzo. Considera que o caso de Lugo é consecuencia dunha política continuada de recortes de persoal, precarización laboral e ausencia de planificación a medio prazo.

A iniciativa presentada reclama que a Xunta compareza no Parlamento para expor un plan integral de reforzo das Urxencias hospitalarias de Galicia, dotado de financiamento suficiente, contratación estable e melloras nas condicións laborais, prestando atención tanto aos hospitais de referencia como aos comarcais. Ademais, solicita a revisión inmediata das ratios de persoal non médico no HULA, o reforzo das medidas de seguridade física no Servizo de Urxencias e a creación de mesas de traballo estables cos profesionais para que participen nas decisións organizativas que afectan directamente á asistencia.

A deputada conclúe que a sanidade pública require planificación, recursos e respecto polos profesionais, e reclama á Xunta unha resposta inmediata e transparente ante unha situación que, ao seu entender, compromete a calidade asistencial e a confianza da cidadanía no sistema sanitario público galego.

0.084285974502563