O PSdeG leva ao Parlamento o colapso do servizo de Urxencias do HULA

GaliciaXa | LugoXa
As deputadas socialistas reclaman explicacións á Xunta pola falta de persoal e pola situación asistencial no hospital lucense, mentres que o conselleiro de Sanidade destaca a eficacia e os profesionais do servizo de urxencias do HULA
concentración-celadores-HULA-Lugo
11 Mar 2026

O Grupo Parlamentario Socialista de Galicia levará ao pleno do Parlamento de Galicia a situación que, segundo denuncian, vive o servizo de Urxencias do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). As deputadas socialistas Lara Méndez López, María Elena Espinosa Mangana e Silvia Longueira Castro presentaron unha pregunta para a súa resposta oral no pleno da Cámara ao abeiro do artigo 152 do Regulamento.

Segundo expón o grupo socialista, o hospital lucense atravesa unha situación de “extrema gravidade” no seu servizo de Urxencias, unha realidade que —aseguran— foi denunciada de maneira reiterada por profesionais de enfermaría, técnicos en coidados auxiliares de enfermaría e celadores. As súas reivindicacións, sosteñen, non responden a intereses corporativos nin a estratexias de confrontación política, senón á defensa da seguridade das persoas atendidas, da calidade asistencial e das condicións de traballo do persoal sanitario.

As deputadas socialistas critican a planificación realizada pola Xunta de Galicia e pola dirección do centro hospitalario, que consideran marcada pola improvisación e pola falta de diálogo cos profesionais. Neste sentido, apuntan que a incorporación de reforzos médicos realizouse sen aumentar de maneira paralela o persoal de enfermaría, TCAEs e celadores, o que —segundo denuncian— provocou un desequilibrio na atención sanitaria.

Entre as deficiencias sinaladas, o PSdeG menciona problemas en áreas clave como Urxencias 3, os boxes de Críticos, a zona de Observación e o servizo nocturno, onde aseguran que a dotación actual resulta insuficiente para garantir tempos de resposta adecuados, coidados de calidade e condicións laborais dignas. Tamén alertan da elevada carga de traballo do persoal non médico, da falta de recursos materiais básicos e de medidas de seguridade eficaces, así como das agresións sufridas polos profesionais.

Desde o grupo socialista sosteñen que esta situación non é puntual, senón que responde ao modelo sanitario impulsado pola Xunta de Galicia baixo gobernos do Partido Popular, ao que atribúen recortes de persoal, externalización de servizos e falta de financiamento nas infraestruturas sanitarias.

Neste contexto, lembran que o socialismo defendeu historicamente a sanidade pública como un dos piares do Estado do benestar, desde a creación do sistema nacional de saúde ata a súa consolidación como un dereito universal, público e gratuíto. Por iso, consideran necesario reforzar os recursos do sistema e garantir o recoñecemento do persoal sanitario.

O PSdeG tamén vincula os paros e mobilizacións convocados polo persoal do HULA coa falta de resposta da dirección do hospital e da Consellería de Sanidade ás comunicacións formais nas que os profesionais advertían da gravidade da situación. Segundo sinalan, estas protestas representan unha chamada de atención ante unha realidade que consideran insostible e que, ao seu xuízo, pon en risco tanto aos pacientes como aos traballadores.

O grupo parlamentario socialista defende que o Parlamento de Galicia debe posicionarse en defensa da sanidade pública e do persoal sanitario, e reclamar á Xunta unha resposta inmediata e transparente ante a situación que se vive no HULA e, en xeral, no sistema sanitario galego.

CONTESTACIÓN DA XUNTA

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, resaltou no Pleno do Parlamento que o servizo de urxencias do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) presenta os tempos de resposta máis baixos e figura entre os mellor valorados do Servizo Galego de Saúde, ao garantir unha atención rápida, segura e de calidade.

En relación ás demandas formuladas por parte do persoal de urxencias, Gómez Caamaño detallou que foron atendidas desde a dirección do centro hospitalario, que mantivo reunións cos profesionais para analizar a situación do servizo. Nesas xuntanzas abordáronse cuestións como o persoal existente, a distribución das quendas, as presenzas nas distintas zonas, os circuítos asistenciais e a coordinación con outras unidades do hospital.

Como resultado, indicou o conselleiro, saíron medidas organizativas destinadas a mellorar os procesos asistenciais, como a redistribución da carga de traballo e a actualización do material necesario no servizo. Ademais, salientou que nos últimos anos se incrementou a dotación de persoal do servizo de urxencias á vez que se ampliaron significativamente as instalacións para ofrecer unha atención máis ampla e eficiente á cidadanía.

O servizo conta actualmente con máis de 240 profesionais que atenden unha media diaria de entre 250 e 270 pacientes. No persoal non facultativo e celadores, hai 49 celadores (cun aumento de case un 30 %), 63 enfermeiras e 48 técnicos en coidados auxiliares de enfermería, adaptándose á carga asistencial tanto nas xornadas ordinarias como nas de maior demanda.

Gómez Caamaño subliñou que o HULA dispón de máis de 1.000 m² con zonas diferenciadas para urxencias pediátricas e de adultos, circuítos específicos para patoloxía respiratoria e non respiratoria, e tecnoloxía avanzada que garante atención de máxima calidade. Finalmente, destacou o compromiso da xerencia da área sanitaria de Lugo para implementar todas as melloras acordadas nas reunións co persoal e continuar avaliando os seus resultados.

0.11913108825684