O PSdeG leva ao Parlamento unha iniciativa para esixir a recuperación da Torre de Torés nas Nogais

O Grupo Parlamentario Socialista de Galicia rexistra unha iniciativa no Parlamento galego para reclamar á Xunta de Galicia a recuperación e protección da Torre de Torés, situada no concello das Nogais. A proposta está impulsada polas deputadas Lara Méndez López, Patricia Iglesias Rey e Silvia Longueira Castro.
A iniciativa pon o foco no potencial do turismo rural como ferramenta estratéxica para dinamizar economicamente concellos do interior de Galicia, como o das Nogais, favorecendo a creación de emprego e a fixación de poboación en territorios de montaña con gran valor natural, paisaxístico e cultural.
Destacan que o concello conta cun importante patrimonio cultural, entre o que sobresae a Torre medieval de Torés, declarada Ben de Interese Cultural. "A fortaleza constitúe un símbolo identitario do val de Torés e un recurso de gran valor histórico, arquitectónico e turístico". Porén, segundo denuncian os socialistas, o monumento atópase "nun estado de deterioro grave debido á falta de actuación das administracións competentes".
A situación agravouse tras producirse o maior desprendemento rexistrado en anos, provocado en parte polas condicións meteorolóxicas adversas, o que incrementa o risco tanto para a conservación do inmoble como para a seguridade das persoas.
A lexislación vixente establece a obriga de conservar os bens declarados de interese cultural, tanto por parte dos propietarios como das administracións públicas, especialmente cando presentan signos de deterioro. Neste caso, o grupo socialista considera imprescindible "unha intervención inmediata e coordinada entre o Concello das Nogais e a Xunta de Galicia para evitar danos irreparables".
Ademais de cumprir cunha responsabilidade legal e patrimonial, a recuperación da Torre de Torés é vista como unha "oportunidade para reforzar a oferta turística da zona, impulsar a economía local, xerar emprego e consolidar un modelo de desenvolvemento rural sustentable".
A proposición non de lei presentada polos socialistas insta á Xunta a actuar de forma inmediata para garantir a protección e conservación da fortaleza, así como a coordinarse co Concello das Nogais e cos propietarios para desenvolver un plan integral que inclúa unha avaliación técnica, a execución urxente das obras necesarias e a redacción dun proxecto de restauración e posta en valor.
Tamén se solicita a dotación de recursos económicos suficientes, a integración da torre nas estratexias de promoción turística —especialmente vinculadas á Vía Künig— e o establecemento de mecanismos de control que eviten situacións de abandono semellantes noutros bens patrimoniais galegos.