O PSdeG leva ao pleno cinco mocións para frear o deterioro de Baralla

LugoXa
Os socialistas denuncian problemas en seguridade viaria, sumidoiros, patrimonio e espazos infantís pola falta de xestión municipal
jaime gonzalez-candidato psoe-baralla
25 Nov 2025

O Grupo Municipal Socialista de Baralla levará ao pleno cinco mocións co obxectivo de abordar o que consideran un deterioro progresivo do concello debido á falta de mantemento e planificación do goberno local. O voceiro, Jaime González del Río, alerta dunha situación “insostible” que afecta directamente á veciñanza.

A primeira proposta reclama solicitar ao Ministerio de Transportes a instalación de catro pasos elevados no casco urbano para reducir a velocidade e mellorar a seguridade peonil, despois de anos de incidencias e risco viario sen informes técnicos actualizados.

A segunda moción céntrase no abandono da rede de sumidoiros, con reixas obstruídas e encharcamentos que, segundo o PSdeG, mesmo afectan a vivendas. Piden unha limpeza integral e un plan de revisións periódicas.

Os socialistas tamén denuncian o esquecemento do patrimonio cultural, con elementos históricos sen sinalizar nin aproveitar turisticamente, e solicitan un inventario actualizado e unha ruta divulgativa.

En materia de espazos infantís, reclaman a reparación do parque da feira, con xogos deteriorados e un chan en mal estado, así como un plan de mantemento para todas as áreas de lecer. Ademais, critican que a área recreativa contase cun investimento en novo chan sen instalar xogos, converténdoa nun “parque sen parque”.

González del Río defende que estas iniciativas son “un exercicio de responsabilidade” e insta ao alcalde a atender “de dunha vez” as necesidades reais do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.14567518234253