O PSdeG propón investimentos estratéxicos para os orzamentos de 2026 en Monterroso

O PSdeG-PSOE de Monterroso defenderá no pleno de novembro un paquete de iniciativas para ser incluídas nos orzamentos municipais de 2026, co obxectivo de actualizar as contas e responder ás necesidades actuais da vila. O voceiro socialista, Rafael García, lembra que o partido impulsou o diálogo entre grupos para avanzar nun consenso tras “anos de bloqueo económico”.
A proposta inclúe prioridades como a construción dunha nova depuradora, a creación dun parque infantil cuberto e a dotación dunha partida inicial para avanzar na residencia da terceira idade. No ámbito deportivo, solicitan gradas para o campo municipal de Cerdeiriños, mentres que en urbanismo reclaman iniciar a redacción dun novo Plan Xeral para substituír as normas de 1997.
O documento recolle tamén melloras na Cúpula e no acondicionamento de camiños das parroquias. Ademais, os socialistas presentarán unha moción para rehabilitar antigas Casas Escola e destinalas a alugueiro social, así como outra vinculada ao compromiso contra a violencia machista.
García sostén que se trata de propostas “realistas e necesarias” para garantir planificación e estabilidade, e insta ao alcalde a gobernar “pensando na veciñanza”.