O PSdeG-PSOE de Becerreá esixe a implantación inmediata do servizo de Hospitalización a Domicilio

O PSdeG-PSOE de Becerreá vén de presentar unha moción para instar á Xunta de Galicia a poñer en marcha de xeito inmediato o servizo de Hospitalización a Domicilio (HADO), dependente do HULA. Os socialistas denuncian que, seis anos despois da creación do Plan Galego de Hospitalización a Domicilio, Becerreá segue sen dispoñer deste servizo esencial, o que consideran un novo exemplo de discriminación sanitaria.
Segundo a formación, o HADO permite achegar coidados hospitalarios ao domicilio das persoas que, por mor da súa enfermidade ou do seu estado de saúde, precisan dun ingreso hospitalario pero prefiren permanecer na súa casa, recibindo os mesmos tratamentos e coidados profesionais que nun hospital. A súa implantación melloraría a calidade de vida dos pacientes e das súas familias e aliviaría a carga asistencial do centro de saúde local, que leva meses saturado por falta de persoal.
Desde o PSdeG subliñan que a ausencia deste servizo básico evidencia o abandono de Becerreá por parte da Xunta e reclaman igualdade co resto de concellos da contorna: “Non pedimos máis que igualdade. Que as nosas veciñas e veciños teñan a mesma cobertura sanitaria que os concellos limítrofes”, sinalan.