O PSdeG reclama á Xunta o Museo da Romanización en Lugo como proxecto estratéxico

GaliciaXa | LugoXa
José Ramón Gómez Besteiro esixe financiamento para centralizar máis de 15.000 pezas arqueolóxicas no antigo cuartel de San Fernando
Museo-Romanización-Besteiro-PSOE-Lugo
20 Mar 2026

O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, José Ramón Gómez Besteiro, instou á Xunta a declarar proxecto estratéxico para Galicia a construción do Museo da Romanización no antigo cuartel de San Fernando de Lugo, esixindo que esa declaración inclúa o financiamento necesario para executar a actuación.

Besteiro subliñou que esta aspiración é unánime desde hai dúas décadas e lembrada durante a gala do 25.º aniversario do recoñecemento da Muralla como patrimonio mundial: “Toda a sociedade civil da cidade e da provincia está con este proxecto”, afirmou. Para reforzar a reivindicación, visitou a cloaca romana, último achado arqueolóxico recuperado grazas ao Concello, e destacou que as máis de 15.000 pezas repartidas en diferentes instalacións da cidade “na súa inmensa maioría son susceptibles de ser obxecto de musealización”.

O líder socialista puxo en valor o alto potencial patrimonial e económico destes restos e da historia de Lugo, que cualificou como “un patrimonio de todos os galegos e galegas”, e recordou que tamén representan unha oportunidade para a industria cultural e turística. Reclamou que a Xunta asuma competencias que agora está cubrindo o Concello, e que se comprometa cun proxecto “claro, firme e incondicional” para o cuartel de San Fernando.

Besteiro destacou que o Concello cumpriu a súa parte ao adquirir o edificio, declarado Ben de Interese Cultural, por 2,4 millóns de euros, poñéndoo á disposición da Xunta. Criticou que, mentres outras cidades galegas reciben investimentos millonarios –como 20 millóns para o Teatro Cine Fraga en Vigo, 17 millóns para o Pazo de Lourizán en Pontevedra ou a ampliación do Museo do Mar–, Lugo permanece á marxe.

O portavoz socialista denunciou tamén que os 500.000 euros previstos nos orzamentos autonómicos do ano pasado, froito dunha petición do Grupo Socialista, non se executaron e advertiu que este ano tampouco se fará. “É momento de poñer fin a esta discriminación do PP de Galicia, que a leva a cabo co silencio cómplice do PP de Lugo”, remarcou.

0.13441896438599