O PSdeG reclama á Xunta que poña fin aos recortes educativos que afectan á calidade da ensinanza pública no rural

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Os socialistas presentan unha moción no Pleno da Deputación de Lugo denunciando a redución de profesorado e o incumprimento das ratios en centros da provincia
CEIP-O-Páramo-BNG
14 Sep 2025

O Grupo Provincial Socialista vén de presentar unha moción na Deputación de Lugo para esixirlle á Xunta de Galicia que abandone a súa política de recortes no sistema educativo público, unha estratexia que, segundo denuncian, está a deteriorar a calidade da ensinanza no rural.

A proposta será debatida no vindeiro Pleno provincial e incide en que, malia a perda de máis de 20.000 alumnos en Galicia nos últimos cinco anos, o Goberno galego continúa reducindo cadros docentes, modificando de maneira unilateral acordos cos sindicatos, suprimindo desdobres xa implantados e deixando sen cubrir prazas de especialistas e docentes de apoio.

Segundo o Grupo Socialista, esta dinámica “replica erros xa corrixidos no curso pasado e castiga con especial dureza aos colexios do rural, onde cada praza eliminada supón un claro retroceso na igualdade de oportunidades”. A moción tamén recolle as protestas das familias e das ANPAS, que se viron na obriga de mobilizarse de novo para reclamar profesorado suficiente e denunciar o incumprimento das ratios pactadas.

O documento inclúe exemplos concretos de recortes en distintos centros da provincia: no CEIP Virxe da Luz de Portomarín eliminouse un cuarto docente de Primaria e quedou sen cubrir a praza de Inglés; no CEIP do Páramo agrupouse alumnado de diferentes ciclos e idades en só dúas aulas; e no CEIP Península da Paz de San Cibrao, a dirección e a ANPA tiveron que solicitar a continuidade do desdobre dunha aula con 23 escolares, xa aplicado no curso anterior.

A voceira provincial do PSdeG, Pilar García Porto, advertiu de que “nos centros con maior número de alumnos matriculados, a Xunta do PP recorta profesorado, incumpre as ratios asinadas cos sindicatos e nin sequera mantén as solucións adoptadas o pasado curso pola presión das familias”. Para a socialista, “o caso do CEIP Virxe da Luz non é unha excepción, senón un exemplo do despropósito que marca a xestión educativa da Xunta de Galicia”.

O PSdeG solicita a través desta moción que se manteña no CEIP Virxe da Luz de Portomarín o cadro docente completo do curso anterior, incluído o cuarto profesor de Primaria, e que se cubra de inmediato a praza de especialista en Inglés. Así mesmo, demanda que se respecten as ratios de agrupamento pactadas cos sindicatos en outubro de 2023 e que se garanta un número suficiente de docentes en todos os colexios da provincia, con especial atención aos situados no rural.

“Non é admisible volver comezar cada curso repetindo os mesmos erros. Defender unha educación pública de calidade, gratuíta e universal é unha prioridade irrenunciable, porque dela depende a igualdade de oportunidades e o futuro do rural lucense”, conclúe o grupo socialista.

⚙ Configurar cookies
0.065562009811401