O PSdeG reforza a coordinación en Lugo e avanza na preparación das candidaturas municipais

LugoXa | TerraChaXa
A Executiva Provincial analiza o contexto político da comarca e insiste na consolidación dun modelo urbano estable e moderno na cidade de Lugo
reunion-PSdeG-Comarcal-Lugo
19 Nov 2025

A sede provincial do PSdeG acolleu unha nova reunión comarcal centrada na área de Lugo, co propósito de reforzar a coordinación territorial e avanzar na planificación dos próximos meses.

O encontro estivo presidido polo secretario xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, José Tomé Roca, xunto coa vicesecretaria xeral e secretaria de Organización, Pilar García Porto, e contou coa presenza da coordinadora comarcal, Ana Mª Abelleira, ademais de alcaldes, voceiros e secretarios xerais das agrupacións de Lugo, Castroverde, Friol, O Corgo, Outeiro de Rei e Guntín.

Durante a sesión examinouse o contexto político da comarca, centrando a atención no Concello de Lugo, onde o goberno socialista continúa consolidando “un proxecto sólido, estable e con prioridades claras para a veciñanza”. Tomé destacou que Lugo “é hoxe unha cidade en progreso, con planificación, rigor e servizos públicos que melloran a vida da xente”, e engadiu que “graças ao traballo do executivo socialista, Lugo continúa avanzando e consolidando un modelo urbano moderno e ambicioso”. Subliñou tamén que o PSdeG-PSOE “segue sendo a forza que garante estabilidade, visión de cidade e avances reais na capital”.

En contraposición a este modelo de xestión, Tomé Roca criticou duramente a portavoz do PP, Elena Candia, á que acusou de “carecer dunha proposta para Lugo e dedicar máis tempo á confrontación que ás solucións que a cidade necesita”. Recordou que Lugo “leva anos sufrindo o abandono da Xunta, con investimentos que non chegan e anuncios que nunca se cumpren”, e lamentou que “Candia prefira facer oposición desde o ruído no canto de esixir ao seu partido que cumpra coa capital da provincia”.

O secretario xeral insistiu en que esta falta de compromiso “non é nova”, lembrando que “a Xunta excluíu a Lugo de fondos clave, deixou proxectos sen executar e mantén paralizadas actuacións esenciais para a cidade. Ante isto, Candia cala. Sempre ten algo que dicir, salvo cando o que toca é defender Lugo ante o PP”.

A reunión tamén serviu para avanzar na preparación das candidaturas municipais dos concellos da comarca. “Imos presentar os mellores equipos e propostas adaptadas a cada realidade local, elaboradas coa participación das agrupacións e escoitando á cidadanía. O obxectivo é consolidar os gobernos socialistas onde xa demostramos eficacia e recuperar aqueles concellos que precisan abrir unha nova etapa”, engadiu o líder provincial.

Pola súa parte, Pilar García Porto destacou “a implicación e capacidade de análise das agrupacións” e subliñou que este ciclo de encontros “está a renovar enerxías, abrir espazos de diálogo e marcar prioridades compartidas que reforzan o proxecto socialista en toda a provincia”.

Esta xuntanza en Lugo consolida o percorrido comarcal da Executiva Provincial, tras as reunións na Mariña, na Terra Chá e no Suroeste, e reafirma a vontade do PSdeG-PSOE de Lugo de “seguir traballando con rigor, proximidade e planificación para ofrecer unha alternativa seria, útil e de futuro en todos os concellos da provincia”.

⚙ Configurar cookies
0.073709964752197