O PSOE alerta do fracaso da estratexia contra a velutina e reclama máis recursos

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Lara Méndez sinala que as alertas por niños aumentaron un 50 por cento nun ano
trampa-velutinas-Quiroga
Trampa de velutinas
25 Maio 2024

A portavoz de Agricultura do Grupo Socialista esixiulle á Xunta a mudar a estratexia contra a praga da avespa velutina, que se ten demostrado fracasada á vista dos datos de propagación da especie en Galicia. A responsable socialista presentou unha pregunta na Comisión de Agricultura do Parlamento na que reclamou colaboración cos concellos e o goberno central e a inxección de recursos para investigación.

Méndez alertou fronte ás consecuencias “demoledoras” do impacto desta especie para o futuro do sector agrícola e gandeiro, destinando recursos para unha tarefa que están a derivar “pola porta de atrás” nos concellos, aos que “sobrecargan de custes sen darlles recursos”, e na empresa Seaga. Esixiulle ao goberno galego que faga unha “aposta decidida” pola investigación como eixo da erradicación desta praga, que pasa pola técnica da manipulación xenética.

Reclamou ademais apoio para o sector apícola, que ten visto como desapareceron o 65 por cento das colonias de abellas, así como o fruticultor e vitivinícola, que arrastran unhas perdas de 15.000 euros por hectárea polo impacto desta especie invasora. Méndez lembra que o sector reclama a posta en marcha dun Comité de Expertos con financiamento propio á marxe do Plan Apícola, con axudas específicas para a loita contra a especie a través da previsión, control e erradicación.

A parlamentaria socialista advirte que os avisos pola presenza de niños de velutina teñen rexistrado un incremento “brutal” de máis dun 50 por cento en só un ano, ata as 56.500 alertas en 2023, nunha situación que está a afectar directamente á saúde da poboación. Sinalou aos datos “preocupantes” de mortaldade por picaduras, que en Galicia ascenden a 2,2 casos por millón de habitantes, un 110 por cento máis que os 0,02 rexistrados de media no Estado.

Esixiulle ao goberno galego que reaccione diante duns datos que evidencian que ata o momento a súa actuación tense demostrado “claramente insuficiente”, e sinalou á “case nula coordinación” do goberno galego co resto das administracións para afrontar unha situación que está a ser “complexa, difícil e delicada”.

0.19645214080811