O PSOE celebra a aprobación das súas mocións en Monterroso

LugoXa
Os socialistas impulsan a rehabilitación das antigas Casas Escola para alugueiro social e acusan ao goberno local do PP de falta de proxecto, xestión e planificación
Executiva-PSOE-Monterroso
19 Dec 2025

O Grupo Municipal Socialista de Monterroso valorou de forma positiva a aprobación das dúas mocións presentadas polo PSdeG no pleno, entre elas a iniciativa para promover a rehabilitación integral das antigas Casas Escola e destinalas a vivenda en réxime de alugueiro social. Ao mesmo tempo, os socialistas rexeitaron con contundencia as recentes declaracións do alcalde sobre a residencia da terceira idade, que cualificaron de inxustas, falsas e orientadas a ocultar a súa propia falta de xestión.

A moción socialista para a rehabilitación das Casas Escola de Tarrío de Buxergos, Arada, Salgueiros e Montecalvo foi aprobada por maioría absoluta da corporación co obxectivo de transformalas en vivenda pública en alugueiro social. O voceiro do PSdeG, Rafael García, explicou que a proposta responde á necesidade de dar resposta a un problema crecente no municipio como é a falta de vivenda, ao tempo que permite recuperar patrimonio municipal e poñer en valor edificios históricos actualmente en desuso. Segundo indicou, esta actuación facilitaría o acceso a vivenda a prezos asumibles, contribuiría a fixar poboación no rural e permitiría rehabilitar inmobles abandonados desde hai décadas.

En relación ao financiamento, García sinalou que a rehabilitación podería apoiarse nas diferentes liñas de axuda do Instituto Galego da Vivenda e Solo, a través das convocatorias que este organismo vén publicando de maneira habitual para este tipo de actuacións. Desde o PSdeG lamentaron que o equipo de goberno non apoiase a iniciativa, a pesar do seu marcado carácter social, aínda que destacaron que saíu adiante grazas á maioría absoluta da corporación. No mesmo pleno foi aprobada tamén a moción socialista de compromiso institucional contra a violencia de xénero, en coherencia coa posición do partido a nivel galego e estatal.

Os socialistas puxeron en valor o papel activo do PSdeG na sesión plenaria e contrapuxérono coa actitude do goberno municipal do PP, que, segundo denunciaron, acudiu ao pleno sen presentar ningunha proposta, o que evidencia a falta de proxecto, iniciativa e xestión dun executivo que leva máis de dous anos á fronte do Concello.

En canto á residencia de maiores, o PSdeG respondeu ás declaracións do alcalde nas que acusaba á oposición de condenar a Monterroso a non contar con este servizo. Os socialistas lembraron que foi o propio grupo quen levou ao pleno, a finais de outubro, unha moción específica para reclamar á Xunta de Galicia a construción dunha residencia na vila, iniciativa que foi aprobada por unanimidade. Esa proposta instaba á Consellería de Política Social a executar as obras e ao Concello a poñer a disposición os terreos necesarios, sempre que existise unha partida orzamentaria autonómica que garantise a viabilidade do proxecto. Rafael García subliñou que é rotundamente falso que a oposición frease a residencia e insistiu en que foi o PSdeG quen impulsou acordos plenarios concretos sobre esta cuestión.

O voceiro lembrou ademais que a residencia xa fora anunciada polo PP en 2022, cando o actual alcalde era tenente de alcaldía, cun compromiso de redacción dun proxecto que nunca chegou a materializarse. Segundo denunciou, o PP chegou ás eleccións de 2023 prometendo a residencia, pero nos anos 2023, 2024 e 2025 non existiu nin proxecto nin consignación orzamentaria da Xunta para esta actuación. De feito, cando o PSdeG tivo acceso ao borrador dos Orzamentos da Xunta para 2026, comprobou que Monterroso non figuraba en ningún apartado relativo á residencia, motivo polo que presentaron emendas no Parlamento galego que tamén foron rexeitadas polo PP.

García considerou inaceptable que o alcalde trate de responsabilizar á oposición da súa incapacidade de xestión, especialmente cando asegura que seguirá negociando os orzamentos de 2026 mentres acusa aos grupos que non apoiaron esas contas de frear o avance do municipio. Ao seu xuízo, estas acusacións só buscan ocultar a incompetencia do goberno local. O voceiro advertiu de que queda en evidencia o fin de ciclo e a ausencia total de proxecto para Monterroso por parte do executivo municipal, que presentou uns orzamentos que non responden ás necesidades reais da vila, ignoran amplamente as propostas socialistas e nin sequera cumpren coas regras fiscais, segundo o informe da Intervención municipal. Esta situación, engadiu, aboca á elaboración dun Plan Económico-Financeiro e a que o Concello pase a estar tutelado polo Ministerio de Facenda.

Neste contexto, o PSdeG lembrou que a maior parte dos investimentos que chegan a Monterroso proceden da Deputación de Lugo, mentres que a Xunta de Galicia gobernada polo PP non aposta nin polo municipio nin polo seu alcalde, como demostra a ausencia do concello nos orzamentos autonómicos fronte ao financiamento recibido por outros municipios da contorna. Segundo concluíu o voceiro socialista, gobernar non é esperar a que outras administracións ofrezan actuacións, senón ter proxectos, traballar e acudir a elas con propostas serias, algo que, ao seu xuízo, o actual goberno municipal non está a facer.

⚙ Configurar cookies
0.078525066375732