O PSOE critica a "inoperancia" do goberno local en Monterroso
Os socialistas de Monterroso critican o proxecto de orzamentos do goberno de coalición de IXM E PP "xa que reflicte a inoperancia á que nos ten acostumados e onde queda de manifesto a falta de proxecto para a nosa vila, un goberno sen unha folla de ruta clara, e que actúa sistematicamente a golpe de improvisación e sen ningún tipo de planificación con reflexo orzamentario", denuncian.
Logo de analizar as contas municipais do 2021, o voceiro socialista Rafael García advirte que "do montante total 2.694.583,20 euros, o capitulo de inversións só ocupa un 2,63%, é dicir 71.000 euros, este é o verdadeiro impulso das novas dotacións para o noso Concello promovidos por este goberno".
Rafael García sinala ademais o aumento do capítulo 1, de gastos de persoal, "onde se inclúen os salarios do equipo de goberno, que supoñen un desembolso das arcas municipais de 102.000 euros, converténdose no goberno máis caro da historia do noso concello". Pola contra “baixa o capítulo de inversións reais con respecto aos orzamentos anteriores a mínimos históricos, volvéndose insignificante o reflexo deste apartado neste orzamento".
Desde o PSOE denuncian que "nestas contas queda patente o desprezo absoluto ao noso medio rural, xa que tan só dotan para inversións en parroquias a cantidade de 20.000 euros, sabendo que a rede viaria das aldeas está nun estado deplorable con viais practicamente intransitables, e establecendo polo tanto veciños de primeira e de segunda no noso Concello".
COMERCIO LOCAL E AUTÓNOMOS
No que se refire ás axudas para paliar os efectos da crise sanitaria provocada pola covid-19, os socialistas de Monterroso aseguran que "non hai orzamentado nin un só euro, sabendo que estamos vivindo unha crise económica sen precedentes. Polo tanto, este goberno abandonou de xeito clamoroso aos sectores que máis sofren esta situació, como son a hostalaría, o comercio local, os autónomos, así como as familias máis vulnerables de Monterroso”.
Rafael García engade que "é tal a inoperancia do goberno municipal que nin tan sequera foron capaces de executar o Plan Único da Deputación 2020, tendo o capítulo de inversións sen executar por importe de preto de 180.000 euros, así como o Plan de Emprego que conta cun investimento de 60.000 euros tamén sen executar, e iso que fomos os membros do anterior goberno municipal os que lle deixamos esta planificación feita".
SUBVENCIÓNS NOMINATIVAS
Sobre as subvencións nominativas a entidades e asociacións, os socialistas pregúntanse "cales foron os criterios de asignación dos recursos económicos, xa que entre os 16 colectivos que participan neste orzamento tan só a dúas entidades se lles practicou unha redución dun 20,8 % (2.500 euros), que foron a Asociación Falcatrueiros, e outra rebaixa do 6% (1.000 euros) á S.D de Monterroso. Son dous colectivos moi ligados a vida cotiá de Monterroso e con moitos anos de historia e de tradición no desenvolvemento da vida cultural, social e deportiva da nosa vila dos cales nos sentimos moi orgullosos todos os monterrosinos”.
Rafael García conclúe que "estes orzamentos, que chegan tarde, tiñan que ser os máis sociais da historia municipal debido á situación que nos rodea, para que ninguén quede atrás, pero con estas contas o único que nos queda claro é que a prioridade nos vai por este sendeiro”. "Teñen que escoitar as demandas e as necesidades reais das veciñas e veciños de Monterroso e non darlles á costas como fan agora con estas contas", rematou.