O PSOE da cidade saca un novo manifesto pedindo apoio para as mulleres e actuacións contundentes contra o acoso

Militantes da Agrupación Local do PSdeG-PSOE de Lugo veñen de impulsar un novo manifesto no que reclaman unha resposta máis firme fronte ás condutas de acoso sexual, tras as denuncias coñecidas a pasada semana contra José Tomé, daquela presidente da Deputación de Lugo e secretario xeral provincial do partido.
O documento, titulado Declaración de principios feministas das socialistas e dos socialistas lucenses, está promovido pola histórica militante María Jesús Navarro, que xa logrou reunir máis dun cento de sinaturas de afiliadas e afiliados. Entre os apoios figuran tamén unha ampla representación de concelleiras e concelleiros do Concello de Lugo, como Mauricio Repetto, Ángeles Novo, Waldir Sinisterra ou María Reigosa. Moitas das persoas asinantes subscribiran tamén o manifesto impulsado recentemente pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey.
Segundo explicou María Jesús Navarro, a iniciativa nace coa vontade de amosar un respaldo explícito ás mulleres vítimas de acoso, sempre desde o respecto á presunción de inocencia, e de expresar unha condena clara a este tipo de comportamentos, reclamando maior contundencia fronte a eles. “O silencio tamén é violencia”, subliñou a promotora do texto.
Navarro xustificou a elaboración deste novo manifesto no feito de que Lugo sexa “o epicentro desta situación”, polo que considerou necesario que a militancia lucense fixese unha declaración propia, cun enfoque máis directo e próximo. Ao mesmo tempo, precisou que este texto non substitúe outros manifestos previos, senón que os complementa, deixando liberdade para subscribir un, outro ou ambos.
No seu contido, o manifesto expresa a “profunda preocupación e perplexidade” das socialistas e socialistas lucenses ante as denuncias de acoso sexual que afectan a cargos orgánicos e institucionais do PSdeG. O texto reafirma a igualdade e a defensa dos dereitos das mulleres como piares esenciais do proxecto socialista e lembra o papel histórico do partido na incorporación da muller á vida política.
As persoas asinantes lamentan que algunhas compañeiras puidesen percibir a organización como un espazo inseguro ou tolerante con actitudes machistas, unha situación que consideran inadmisible e que obriga a unha reflexión interna para corrixir erros e recuperar a confianza.
O manifesto reclama que a xustiza actúe con contundencia ante posibles abusos de poder, garantindo tanto os dereitos das vítimas como a presunción de inocencia, e esixe coñecer toda a verdade sobre os feitos e sobre a xestión das denuncias, sen silencios nin medias verdades. Ademais, demanda a asunción das responsabilidades políticas que correspondan, con independencia dos tempos xudiciais.
Finalmente, o texto incide en que o silencio perpetúa a violencia e compromete ás e aos asinantes a seguir alzando a voz en defensa das mulleres, a esixir responsabilidades e a reafirmar, desde a lealdade ao partido, un compromiso firme co feminismo.