O PSOE da provincia de Lugo denuncia a exclusión dos Fondos de Compensación Interterritorial

A vicesecretaria xeral e secretaria de Organización do PSdeG na provincia de Lugo, Pilar García Porto, xunto coa secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, denunciaron a discriminación inxustificable á que Alfonso Rueda somete á provincia de Lugo, ao excluíla dos Fondos de Compensación Interterritorial que o Goberno de España transfire á Xunta para corrixir as desigualdades e garantir a cohesión territorial.
Segundo Pilar García Porto, dos 100 millóns de euros dispoñibles nos anos 2022 e 2023, Lugo non recibiu nin un só euro. A pesar diso, a Xunta nin sequera foi capaz de executar a metade destes fondos, segundo denunciou o propio Consello de Contas, organismo independente encargado de fiscalizar a actividade económico-financeira do sector público galego, no seu último informe.
A vicesecretaria do PSdeG criticou duramente que Alfonso Rueda converta nunha arma política uns fondos creados precisamente para combater os desequilibrios territoriais. Ao excluír Lugo, segundo ela, pervírtense os obxectivos destes recursos e frénase deliberadamente a equiparación da provincia con outras áreas máis desenvolvidas. Asemade, destacou que os concellos non dispoñen de ningunha vía para solicitar estes fondos, xa que non existe convocatoria pública nin procedemento aberto que permita coñecer os criterios de reparto.
Pilar García Porto tamén denunciou que, mentres Lugo sofre carencias como a falta de persoal médico e docente, escaseza de residencias de maiores, infraestruturas e transporte público, Alfonso Rueda e Elena Candia utilizan estes recursos como unha verdadeira ferramenta de castigo.
Ambas dirixentes do PSdeG anunciaron que esixirán explicacións sobre esta exclusión, recordando que os investimentos son decididos de xeito unilateral pola Xunta e polo propio Rueda. A deputada subliñou que esta situación demostra que Elena Candia só emprega a provincia como trampolín político, preocupándose máis por medrar no partido que por defender á veciñanza.
Por outra banda, Lara Méndez anunciou que o PSdeG presentará unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamar a posta en marcha inmediata dun rexistro contable que recolla con total transparencia onde se investiron estes fondos nos últimos anos de goberno do PP na Xunta, así como os parámetros que guían esas decisións. Tamén se solicitará o establecemento de criterios públicos e xustos para o reparto entre provincias e que se dea voz aos concellos nas decisións sobre proxectos e investimentos.
Desde Lugo, ademais, reclamarase a Alfonso Rueda que destine á provincia unha planificación pública e consensuada dunha parte dos máis de 50 millóns de euros que a Xunta deixou sen executar nos últimos exercicios.
Neste sentido, a parlamentaria do PSdeG destacou que o Consello de Contas sitúa a Galicia como a segunda comunidade autónoma con peores índices de execución destes fondos. En opinión das representantes socialistas, nin Rueda nin Feijóo foron capaces de converter estes recursos en ferramentas útiles para o equilibrio territorial, co resultado dun goberno que non executa, non reparte e non planifica.