O PSOE das Nogais denuncia a "grave situación" sanitaria no Concello e esixe solucións urxentes

LugoXa
Os socialistas advirten que a sanidade pública está a ser desmantelada, e os concellos rurais, con poboacións cada vez máis envellecidas, son os máis prexudicados
PSOE-As-Nogais
26 Mar 2025

O PSdeG-PSOE das Nogais denunciou a "grave situación" sanitaria que está a padecer o concello, un problema que quedou evidenciado este martes, cando o Centro de Saúde permaneceu sen atención médica. Neste día, o centro non concedeu citas e a veciñanza foi informada de que non habería servizo ata o xoves.

Esta situación, que se repite cada vez que a facultativa titular non pode acudir ao centro, pon de manifesto a falta de previsión e a desidia por parte da Xunta de Galicia, que, en lugar de garantir a continuidade do servizo con persoal substituto, opta por suspender directamente a atención.

Como consecuencia desta falta de atención, os veciños e veciñas vense obrigados a desprazarse ao Centro de Saúde de Becerreá ou a recorrer ao 061, con todos os riscos e a incerteza que iso conleva.

“A falta de persoal non é o único problema. O Centro de Saúde das Nogais conta cun horario insuficiente, funcionando só de 10.00 a 13.30 horas. Ademais, cando a médica ou a enfermeira saen a atender un domicilio, o centro queda completamente desatendido, deixando á veciñanza sen cobertura sanitaria inmediata”, sinalan os socialistas.

Esta precariedade no servizo sanitario expón á poboación a situacións de risco extremo, como emerxencias que, en casos como un infarto, poderían ter consecuencias fatales.

“A crise da atención sanitaria nas Nogais non é un feito puntual, senón un problema recorrente”, afirman desde o PSdeG-PSOE, que lembran que no pasado verán o servizo médico apenas estivo dispoñible dous ou tres días á semana, unha situación que semella agravarse ao longo do tempo.

"UNHA MOSTRA DE DESPREZO"

A resposta do alcalde no Pleno, que asegurou que “non había colas”, é considerada polos socialistas como unha mostra de desprezo cara aos problemas reais da veciñanza e unha falta de compromiso coa defensa da sanidade pública. “Esta situación é insostible, e desde o PSdeG-PSOE rexeitamos que se siga permitindo. Esiximos á Xunta de Galicia que adopte medidas urxentes para garantir unha atención sanitaria digna e continua”, sinalan.

Os socialistas advirten que a sanidade pública está a ser desmantelada, e os concellos rurais, con poboacións cada vez máis envellecidas, son os máis prexudicados. "O temor de que a Xunta pretenda pechar definitivamente o Centro de Saúde da Nogais é cada vez maior, pero desde o PSOE opoñémonos con total firmeza a calquera intento de deixar sen cobertura sanitaria aos nosos veciños e veciñas", indican.

“Non imos permitir que a nosa atención médica continúe deteriorándose. Esiximos solucións inmediatas e a dotación dos recursos necesarios para garantir un servizo sanitario digno e de calidade para toda a veciñanza das Nogais. A saúde é un dereito, non unha concesión, e defenderemos con firmeza os intereses da nosa poboación fronte a este abandono inxustificable”, concluíron.

⚙ Configurar cookies
0.18405890464783