O PSOE das Nogais denuncia que o Concello mantivo illada á veciñanza ao negarse limpar a neve das estradas
A voceira socialista das Nogais, Sonia Fernández, denunciou que o Concello mantivo illada á veciñanza deste municipio da Montaña durante tres días ao negarse limpar a neve das estradas municipais desde a fin de semana.
“Levan tres días sen pasar as quitaneves. Aquí hai máis de 20 aldeas por encima dos 900 metros de altitude e moita xente maior que ten que saír da súa casa para ir ao médico ou os nenos á escola”, explicou Fernández. Relata que as quitaneves da Deputación pasaron ata tres veces estes días, para despexar as estradas que articulan o concello, pero que as vías municipais son igual de importantes porque son as que dan acceso aos núcleos e comunican as estradas provinciais coas casas.
Segundo relatan os socialistas houbo estudantes de primaria e secundaria que quedaron sen poder chegar á escola por esta falta de limpeza municipal; houbo veterinarios que non puideron atender ao gando ante a imposibilidade de acceder a algunha explotación e moita xente maior que tivo que quedar na casa sen poder ir á farmacia ou ao médico.
Denuncian ademais os socialistas das Nogais a opacidade do Alcalde e do seu equipo de Goberno á hora de facilitar información sobre os medios cos que conta o Concello para facer fronte ás nevaradas e acusan ao Goberno local, que “en ningún caso lle pode dar as costas aos veciños e veciñas desta maneira, deixándoos illados durante días á súa sorte”.