O PSOE de Antas denuncia o mal estado das instalacións deportivas

LugoXa
Os socialistas de Antas demandan ao Goberno Municipal que melloren as dotacións deportivas do Concello e propoñen unha serie de iniciativas.
piscina antas de ulla
13 Maio 2021

Os socialistas de Antas de Ulla demandan ao Goberno Municipal que melloren as dotacións deportivas do Concello e propoñen unha serie de iniciativas.

En primeiro lugar, a voceira Pilar García Porto anuncia a proposta do Grupo Socialista “para a tramitación dunha ordenanza municipal, co fin de que regule o uso diferenciado da zona de ocio das piscinas e das instalacións deportivas que está integrada polo campo de fútbol e o pavillón polideportivo”.

Nesa liña reclama ademais “que os usuarios que non estean empadroados no Concello de Antas de Ulla abonen unha entrada polo uso destas instalacións deportivas, como xa se fai na maioría dos Concellos, co fin de contribuír na redución dos costes de mantemento das instalacións”.

No que se refire ás piscinas, denuncian que “as labores de mantemento, conservación e limpeza non se realizan en todo o ano. É lamentable que non estean en condicións de uso, xa que que só se lles adican 10 ou 15 días de traballo, antes da apertura ao público. Esta actuación provoca que proxectemos unha imaxe de abandono, que é a que levan do noso concello os visitantes que acoden a este espazo”, sinalan.

“Agora que se achega o final das restriccións sanitarias, propoñemos que esta zona se converta nun lugar de promoción de Antas de Ulla, no que se podan visualizar os recursos do concello e que transmita orde, limpeza, coidados, atención”,  argumentou García Porto.

"Tamén queremos evidenciar a falla de control na asistencia ás instalacións deportivas. Por iso reclamamos diferenciar o uso das instalacións deportivas co uso das piscinas municipais, que están incluídas no mesmo entorno. Por unha banda entendemos que unha cousa é acudir á zona de baño das piscinas e outra moi distinta é utilizar indiscriminadamente toda a zona deportiva”, explican.

Pilar García Porto remarca que no orzamento do 2021 o Concello de Antas de Ulla “contempla un investimento de 122.921,94 euros para melloras nas instalacións deportivas, por iso solicitaremos na vindeira sesión plenaria que este orzamento se destine a recuperar o conxunto das instalacións deportivas (campo de fútbol e pavillón)”.

Melloras no polideportivo, piscinas e duchas

Dende o Grupo Socialista solicitan o adecentamento e melloras no polideportivo, “hai unha falla evidente de conservación que se aprecia dende o seu exterior coa presenza de cristais rotos, falla de limpeza e deterioro ou inexistencia de elementos deportivos, como canastras ou porterías, goteiras na cuberta e deterioro no chan da pista”. No entorno das piscinas "aprécianse tamén graves desperfectos de elementos, como por exemplo a pintura dos vasos das piscinas que está en mal estado, tampouco existen medidas de protección de seguridade arredor dos vasos polo que as persoas realizan saltos e outras prácticas sen control, incrementándose tamén o risco de accidente por caídas”. 

Así mesmo, recalcan que "as duchas non funcionan de xeito regular, e nalgúns casos teñen pouco caudal de auga e noutros non desaugan. Os aseos públicos e os vestiarios están obsoletos". 

instalacions deportivas antas de ulla
0.19597601890564