O PSOE de Antas di que o alcalde se escuda na pandemia "para non facer nada"
O PSOE de Antas de Ulla esíxelle ao alcalde do municipio, o popular Javier Varela, que "retome o traballo e actividade do Concello" alegando que "se esconde detrás da pandemia para facer nada. Pero este é o momento de exercer como alcalde".
Os socialistas entenden que o rexedor "ten o Concello abandoado" e reclaman que se retome a actividade coa convocatoria dos plenos ordinarios, aínda que sexa de xeito telemático, como están a facer noutros municipios.
A situación sanitaria que estamos a vivir alterou, sen dúbida, a actividade municipal en todos os Concellos, pero desde a Agrupación Socialista quéixanse de que en Antas de Ulla chegouse ao punto de non ter celebrado aínda o pleno ordinario de decembro o que, din, está a retrasar a aprobación do orzamento municipal para este 2021, entre outros asuntos.
No escrito presentado no Concello, o PSOE reclama tamén que se sigan celebrando as xuntas de goberno, "para non demorar expedientes e outros asuntos ordinarios" que poden afectar aos veciños. "Neste momento tan complicado temos que estar á altura das circunstancias, con proxectos, con axudas, con responsabilidade institucional, e sen deixar a ninguén atrás”, din.
Nas súas reclamacións aluden tamén á chamada Comisión covid, creada polo Concello de Antas de Ulla en marzo do pasado ano. "O alcalde daba conta das reunións a través da súa páxina persoal de facebook, pero desde o confinamento inicial non volvemos saber dela". Critican que grupo socialista non tiña representación algunha nesta comisión, aínda contando con 4 concelleiros na corporación municipal.