O PSOE de Antas reclama melloras no servizo de recollida de lixo
O PSOE de Antas de Ulla levará ao vindeiro pleno unha moción para reclamar melloras no servizo de recollida de lixo no municipio. Piden, en concreto, que se realice unha adaptación das rutas de recollida en función da poboación e atendendo aos períodos estacionais, a limpeza e desinfección periódica dos contedores, así como unha revisión dos puntos de ubicación dos mesmos.
Na súa proposta, o grupo municipal socialista demanda tamén que se habiliten lugares nos que poder depositar os plásticos agrícolas durante todo o ano e que se programe, cunha periodicidade fixa, a retirada dos enseres voluminosos e dos electrodomésticos dos particulares.
A voceira do PSOE en Antas, Pilar García Porto asegura que "dende fai anos a prestación deste servizo é deficitaria e non se adapta ás necesidades da veciñanza. Ademais, hai que lembrar que durante anos ocasionou moitos gastos por mor do vehículo do Concello co que se realizaba a recollida de lixo, que tiña máis de 20 anos, con constantes avarías que supoñían elevados custes”. Engade que "a precariedade chegou a ser tan lamentable" que o Concello se viu na obriga de reducir ou suspender temporalmente a prestación do servizo.
García Porto salienta que a Deputación achegou nos últimos anos ao redor de 140.000 euros ao Concello de Antas para a adquisición dun novo camión de recollida de lixo e de novos colectores. Por iso, entenden que agora é "unha oportunidade única" para reorganizar e mellorar o servizo, "xa que dende hai un ano os únicos costes que debe soportar son os gastos de persoal e os de mantemento, seguro e combustible do camión".
"Atrás quedan os tempos nos que o Concello se vía na obriga de pagar facturas de taller do vello camión que moitos meses se achegaban aos 3.000 euros. É o momento de facer borrón e conta nova, e iniciar un proceso que conleve melloras para toda á veciñanza e para todas as parroquias da vila con este servizo”, concluíu a socialista.