O PSOE de Baleira denuncia “graves deficiencias” no Servizo de Axuda no Fogar durante o verán
O voceiro socialista de Baleira, José Tellado, denunciou publicamente as “graves deficiencias” que está a rexistrar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello este verán. “Moitas familias e usuarios desta prestación municipal puxéronse en contacto con nós para trasladarnos os recortes nas horas de asistencia nos domicilios, sen ningunha explicación por parte do Concello e sen ningunha alternativa asistencial para atender aos afectados”, expuxo o voceiro.
Tellado critica que “o Goberno do Concello de Baleira marchou de vacacións, deixando sen atender aos nosos maiores”. Neste sentido, asegurou que actualmente cónstalle que hai un alto índice de traballadoras do SAF de baixa ou desfrutando das vacacións que lles corresponde por Lei, “pero o Concello ten que saber xestionar esta situación para seguir mantendo este servicio con tódalas garantías, como xa fan noutros concellos”, como, por exemplo, “a través da creación dunha bolsa de emprego actualizada e con outras contratacións necesarias nestas quendas”.
Ademais, advirte de que nestes intres o traballo de coordinación do servicio está sendo realizado por unha traballadora do SAF, “cando non está contratada nin formada para facer este labor”, puntualiza.
Limpeza das pistas municipais
Por outra banda, o voceiro do PSdeG-PSOE no Concello de Baleira evidenciou a falta dun plan de mantemento das pistas municipais, “que seguen sen limpar a estas alturas da temporada, exceptuando a pista da parroquia na que reside o Tenente de Alcalde. Estas son as prioridades do PP de Baleira”, afirmou.
Axudas á veciñanza afectada polos incendios de abril
Por último, José Tellado emprazou ao Goberno do PP de Baleira a axilizar axudas para a veciñanza afectada polos incendios do pasado mes de abril nos núcleos de Murias e A Cortevella. “Segundo as propias estimacións da Xunta, arderon 1.400 hectáreas, 1.100 delas de raso. Por iso, demandamos que se incentiven axudas, tanto para replantación de superficie queimada, para os gandeiros, así como para os apicultores da zona, xa que se viron moi afectados ao arder as colmeas e a zona botánica”, remarcou.