O PSOE de Baleira denuncia que o centro médico volve quedar sen médico

O PSdeG-PSOE de Baleira denuncia que o centro de saúde do municipio continúa sen médico varios días á semana, debido á falta de cobertura das vacacións da facultativa titular. Segundo explicou o voceiro socialista, José Tellado, “esta semana non houbo médico o mércores 9, nin hoxe, venres 11, e tampouco haberá o vindeiro luns 14. A veciñanza segue desatendida e sen alternativas eficaces”.
O voceiro do PSdeG advirte que o Sergas ten previsto enviar un médico só tres días á semana como medida provisional, “o que non resolve a situación nin garante unha atención digna para as veciñas e veciños de Baleira”. Neste sentido, os socialistas reclaman que se cubran de forma inmediata e permanente as ausencias por vacacións e que se dote ao centro dun segundo facultativo durante o verán para garantir a continuidade asistencial.
“Non podemos asumir como normal que cada vez que unha médica colla vacacións ou estea de baixa, a cidadanía quede desatendida. É unha situación que se repite ano tras ano e que se agrava durante o verán, cun impacto moi negativo para unha poboación maioritariamente envellecida, con dificultades de mobilidade e sen medios para desprazarse ata outros municipios”, denuncia o voceiro socialista.
O PSdeG-PSOE de Baleira presentará un rogo no vindeiro pleno do Concello para que se inste oficialmente ao Sergas, coa adhesión de toda a corporación, a cubrir de maneira efectiva e inmediata as ausencias no centro de saúde e a garantir unha atención sanitaria continua no municipio.
“Pedimos ao alcalde que actúe con responsabilidade institucional e se sume a esta reclamación, porque a saúde das nosas veciñas e veciños non pode depender de quen goberne na Xunta”, sinalou José Tellado.