O PSOE de Baralla logra o apoio do Pleno as súas mocións centradas na defensa da paz

O PSdeG-PSOE de Baralla conseguiu este xoves a aprobación por unanimidade das dúas mocións presentadas no pleno ordinario, centradas na defensa da paz, da legalidade internacional e dos dereitos humanos, en relación cos conflitos de Gaza e Ucraína.
Na primeira moción, o grupo socialista instou ao cesamento inmediato das hostilidades na Franxa de Gaza, á protección da poboación civil e ao acceso seguro da axuda humanitaria. Ademais, expresou o seu respaldo á posición do Goberno de España no cumio internacional celebrado en Madrid o pasado maio, que puxo sobre a mesa medidas como o recoñecemento do Estado palestino, a suspensión do comercio armamentístico con Israel e a defensa dunha solución política baseada na coexistencia de dous Estados.
Os socialistas denuncian que durante o debate o alcalde realizou comentarios fóra de lugar, adoptando un discurso propio da extrema dereita ao sinalar que “a inmigración descontrolada” era un dos principais problemas do noso país. Para o PSdeG estas afirmacións “reproducen o argumentario máis rancio de VOX e da ultradereita europea” e resultan especialmente graves vindo dunha institución pública. “O noso país precisa man de obra, e a estranxeira é absolutamente necesaria para o sostemento do sistema produtivo e demográfico”, subliñou o voceiro, José Jaime González del Río.
Ademais das mocións, o Pleno abordou varias resolucións, unha delas centrada na creación dunha agrupación entre os concellos de Baralla e As Nogais para o mantemento do posto de Secretaría-Intervención. O PSdeG advertiu que no propio texto da resolución se recoñece a mala situación económica do Concello de Baralla, o que evidencia a nefasta xestión do equipo de goberno e a súa deriva de recortes e deterioro dos servizos públicos. “É moi preocupante que se teña que recorrer a estas fórmulas porque o Concello non é quen de soster con recursos propios un servizo tan esencial como a Secretaría. Isto non é cooperación entre concellos, é precarización”, denunciou o voceiro socialista, José Jaime González del Río.
O grupo socialista formulou tamén unha pregunta sobre o preocupante estado da área recreativa do municipio, onde máis da metade das árbores están secando sen que se teña tomado ningunha medida. “O alcalde nin tiña constancia desta situación, o que demostra o alleo que está á realidade e o pouco pendente que está do día a día do noso pobo”, lamentaron.
O PSdeG de Baralla reafirma o seu compromiso cun modelo de municipio comprometido coa igualdade, a defensa dos servizos públicos e a boa xestión, fronte á inacción e o discurso tan perigoso adoptado polo actual goberno local.