O PSOE de Becerreá denuncia á Valedora "a chapuza" na estrada que vai a Sarria

LugoXa | SarriaXa
A agrupación socialista de Becerreá protestou ante a Valedora do Pobo polas actuacións que realizou a Xunta na estrada a Sarria, a LU-636
ruido obras estradas vias
23 Maio 2023

A agrupación socialista de Becerreá protestou ante a Valedora do Pobo polas actuacións que realizou a Xunta de Galicia na estrada autonómica a Sarria, a LU-636, ó seu paso polo concello becerrense. Nese sentido, o candidato á Alcaldía polo PSdeG, Carlos Pereira, cualificou de “chapuza” estas obras e sinalou o “agravio comparativo cos veciños e veciñas” respecto ás feitas na vía á altura de Sarria, reclamándolle á Valedora que o proxecto de Becerreá se iguale ó acometido no municipio sarriano.

Na parte de Becerreá, en catro quilómetros “traballaron sobre o firme existente, sen fresado, e o que conseguiron foi deixar unha estrada con menos ancho e cunetas máis profundas, facendo máis perigoso o trazado”, e en cinco quilómetros “limitáronse a reparar simplemente as partes deterioradas do firme con tratamento asfáltico e rego de selado, é dicir, alquitrán e gravilla”, lamentou o socialista, lembrando que a veciñanza se manifestou en diferentes ocasións para que o arranxo da LU-636 fose nas mesmas condicións que no tramo que conecta Sarria e Saa.

Denuncia tamén o Alcaldable socialista que o Concello de Becerreá, “lonxe de pelexar, fixo mutis polo foro, aceptando en nome de non se sabe quen, nin o motivo, o que a Consellería estimou de xeito unilateral e eludindo as reclamacións dos veciños e veciñas”.

“Pódese considerar como a maior chapuza levada a cabo nunha estrada autonómica”, recalcou Carlos Pereira, incidindo en que o Concello “tiña que terse negado con contundencia e ter presionado para que non se nos considerase como cidadáns de segunda, en lugar de agradecerlles a desfeita refrendándoa cunha foto de familia”. “Agora o Alcalde vende no seu programa electoral unha segunda fase para enmendar esa obra da que non se sabe nada, é unha vergoña”, recalca o socialista.

“A Consellería de Infraestruturas, que dirixe Ethel Vázquez, non nos proporcionou, nin a conservación, nin o mantemento, nin moito menos unha estrada máis segura, nin cómoda para os usuarios, senón todo o contrario”, asegurou Carlos Pereira.

0.12862181663513