O PSOE de Becerreá denuncia o "grave deterioro que sofre a atención sanitaria no Concello"

O PSdeG-PSOE de Becerreá denuncia o "grave deterioro que sofre a atención sanitaria no Concello", tras semanas sen médico de familia a tempo completo e con servizos básicos reducidos ao mínimo.
A agrupación socialista advirte que a situación é "insostible" e esixe á Xunta de Galicia que actúe de inmediato para poñer fin a este abandono da sanidade pública no rural.
Desde a xubilación do doutor Carlos Fariña, o centro de saúde só ofrece atención médica dous días á semana, deixando á veciñanza sen cobertura sanitaria axeitada. Os restantes facultativos están desbordados, con axendas colapsadas e demoras crecentes nas consultas.
Mentres tanto, servizos esenciais como pediatría, matrona ou nutrición seguen sen unha prestación regular, o que agrava a discriminación que sofre a poboación de Becerreá, maioritariamente avellentada. “Estamos a falar dunha situación que pon en risco a saúde da nosa xente. Mentres a Xunta mira para outro lado, as veciñas e veciños vense obrigados a recorrer ao 061 ou a desprazarse quilómetros para recibir atención médica”, denuncian dende a agrupación local.
O PSdeG de Becerreá presentou un escrito formal ante o alcalde, instando a que o Pleno da Corporación Municipal reclame á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a cobertura inmediata da praza de médico de familia vacante, e o restablecemento dos servizos sanitarios que a veciñanza leva meses sen recibir.
Ademais, os socialistas puxeron en marcha unha campaña de recollida de reclamacións individuais ante o SERGAS, para que a veciñanza poida facer chegar directamente o seu malestar e esixir unha solución. Denúnciase a carencia de médico, a saturación das citas e a vulneración do dereito á asistencia sanitaria de calidade: “Pedimos que se cubra a praza á maior brevidade posible, e así deixar de padecer unha discriminación sanitaria de calidade mínima que se nos está negando e á que temos dereito. O Goberno galego non pode seguir ignorando unha realidade que afecta directamente á saúde e á dignidade das persoas”, conclúen dende a agrupación socialista.