O PSOE de Becerreá instou ao goberno a cubrir o parque infantil e limpar as rúas
O PSdeG de Becerreá denunciou hoxe, trala celebración da sesión plenaria ordinaria, “a actitude déspota do alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, xa que non se atreveu a contestar as preguntas socialistas. Neste pleno o PSdeG reclamou explicacións pola utilización do coche de Protección Civil para uso e desfrute persoal do alcalde. Co soldo que vostede cobra parécelle utilizar un vehículo que pagamos todos cos nosos impostos para beneficio propio?”, preguntan.
A voceira socialista, Ana Rubinos explica ademais que o PSdeG defendeu dúas mocións que foron rexeitadas incomprensiblemente por Martínez “este é o seu talante”, dixo. “Unha das nosas propostas era unha moción coa que solicitamos que o Concello de Becerreá, en coordinación con outras institucións e organizacións, para que poña a disposición as escolas unitarias que ten habitables para acoller refuxiados ucraínos. Pero atopámonos co non do alcalde e do seu Goberno, que só se dignaron a aprobar un manifesto en contra da invasión, pero sen ningunha axuda por parte do goberno local. Esta é a solidariedade que amosa Martínez cos refuxiados”, lamentou.
Cuberta parque infantil
Rubino tamén defendeu outra moción co fin de dotar dunha cuberta ao parque infantil de Becerreá, mediante a instalación dun sistema de protección artificial, para que os nenos e nenas poidan desfrutar deste espazo en condicións de seguridade, durante tódalas estacións do ano. “Pero novamente ao Alcalde tampouco lle pareceu interesante esta proposta, e rexeitouna. Nótase que el non pasa moito tempo pola nosa vila para coñecer as nosas necesidades”, lamentou a voceira.
Manter limpas as rúas
No apartado de rogos o PSdeG instou ao concello a manter limpas as rúas da vila así como os espazos públicos, xa que segundo denuncian “hai contedores cheos de lixo sen recoller, rúas sen limpar, lixo tirado e sen recoller restos dos escombros das obras”, advirten.
Por último Ana Rubinos dixo que dende o PSdeG de Becerreá “vamos a seguir presentando propostas e iniciativas que contribúan a mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza e das nosas parroquias”, dixo.