O PSOE de Becerreá pide recuperar unha BRIF no municipio se Galicia conta cunha nova brigada

O PSdeG-PSOE de Becerreá vén de rexistrar unha moción na que solicita ao Concello que se dirixa á Xunta de Galicia para reclamar que, no caso de que se cree unha nova Brigada de Reforzo contra Incendios Forestais con base en Galicia, esta se instale no municipio. A proposta busca recuperar un servizo que, segundo defenden os socialistas, foi retirado de maneira inxustificada e que resultou clave na protección dunha comarca cunha elevada masa forestal como é a dos Ancares.
Desde a agrupación lembran que as BRIF son unidades helitransportadas formadas por persoal especializado na extinción de incendios forestais, creadas para apoiar ás comunidades autónomas na loita contra o lume. Actualmente existen dez brigadas deste tipo en todo o Estado e, no caso de Galicia, só hai unha, que ata o ano 2004 tivo a súa base precisamente en Becerreá.
O PSdeG sostén que aquela base foi trasladada posteriormente a Laza, na provincia de Ourense, por unha decisión do Partido Popular que consideran carente de fundamento, argumentándose entón cuestións como a suposta falta de espazo. Os socialistas denuncian que ese traslado contou co respaldo da Xunta de Galicia, do Goberno central e do propio Concello de Becerreá, administracións gobernadas naquel momento polo PP, e que a súa consecuencia directa foi deixar sen unha protección axeitada a toda a comarca dos Ancares.
A formación socialista aproveita tamén a iniciativa para criticar a xestión realizada polo Partido Popular tras as graves vagas de incendios forestais rexistradas en Galicia nos últimos anos. Segundo denuncian, o PP foi incapaz de afrontar a crise cos seus propios recursos e optou por responsabilizar a terceiros dunha situación que atribúen directamente á falta de investimentos da Xunta en políticas de prevención.
Neste contexto, consideran unha contradición que, tras anos marcados por incendios de gran intensidade, o Partido Popular presentase no Parlamento galego unha proposición non de lei para instar á Xunta a solicitar ao Goberno central a creación dunha nova BRIF con base en Galicia, mentres, ao seu xuízo, continúa sen reforzar a prevención nin asumir as súas responsabilidades.
A moción presentada polo PSdeG propón así que o Concello de Becerreá se dirixa formalmente á Xunta para que, se finalmente se crea unha nova BRIF en Galicia, Becerreá sexa a localización elixida. Os socialistas defenden que esta decisión permitiría mellorar de maneira significativa o dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais e, ao mesmo tempo, corrixir a discriminación sufrida polo municipio cando se lle retirou este servizo sen unha xustificación sólida.
“Agora o PP ten que decidir se defende os intereses de Becerreá ou se volve darlle as costas ao municipio. A responsabilidade é súa, única e exclusivamente”, conclúe o PSdeG-PSOE de Becerreá.