O PSOE de Castro de Rei pide a retransmisión en directo dos plenos
A voceira socialista de Castro de Rei, Alba Sinde, avanzou que defenderá unha moción no vindeiro Pleno coa que reclama ao Concello as retransmisións en directo das sesións plenarias que se celebran na localidade. “Parécenos fundamental e prioritario que as decisións que se toman no noso Concello poida coñecelas toda a veciñanza de primeira man e poidan chegar a tódalas parroquias de xeito transparente”, explica a voceira.
Os socialistas de Castro de Rei sinalan que a través desta proposta queren “contribuír a achegar a vida política municipal á veciñanza, que saiban como debatemos, que propoñemos, que iniciativas defendemos e votamos en cada sesión plenaria, uns e outros”. Solicitan tamén que “os arquivos relacionados cos plenos queden arquivados en internet ao alcance de calquera usuario”.
Alba Sinde lembra que o programa electoral co que se presentou ás eleccións municipais incluía esta medida, que recolleu tras escoitar á veciñanza e percorrer unha por por unha tódalas parroquias. “Agora é o turno de defendela en sesión plenaria, xa que nos parece prioritaria. Queremos implicar á cidadanía na acción política do noso concello”, remarcou a voceira socialista.
Por último, explica que esta proposta para retransmitir os plenos municipais en directo pode realizarse a través dun teléfono e cunha páxina de Facebook ou a web do Concello, “polo tanto non supón un incremento custoso para o Concello, nin de grandes inversións, nin de tecnoloxía”.