O PSOE de Friol acusa ao Goberno local de arrastrar un déficit de máis de 830.000 euros

O Grupo Municipal Socialista de Friol, a través da súa voceira Ana Pardo, criticou que o alcalde aprobase no Pleno o Plan Económico-Financeiro, incorporado por urxencia, aínda que hai tempo que o interventor advertira dun déficit real de máis de 800.000 euros nas contas municipais.
O PSdeG-PSOE votou en contra dun plan que cualifican de “puro trámite” e “un despropósito”. Sinalou Pardo que “o alcalde presentou o documento onte, fóra da orde do día, e aprobouno hoxe ás présas só para cubrir o expediente. “Non hai medidas reais nin vontade de corrixir nada: promete que agora si vai cumprir as mesmas regras que leva anos saltándose. Calquera sabe que, se fas as cousas igual, os resultados non cambian por arte de maxia”.
Segundo explicou, o informe de Intervención deixa claro que os ingresos municipais non chegan para cubrir os gastos correntes, o que provoca unha necesidade de financiamento de máis de 832.000 euros. “A situación é seria e require decisións responsables, pero o alcalde prefire mirar para outro lado e seguir gastando coma se nada pasase”, advertiu.
A voceira lamenta que, lonxe de asumir a situación, o rexedor “presuma de poder facer o que lle dá a gana”. E engade que “o señor Santos di que o interventor está para informar, pero que el decide politicamente. Confunde a soberbia coa intelixencia, e agora somos os veciños de Friol os que pagamos o prezo dese erro: un Concello intervido e sen control do gasto.”
Pardo engadiu que “mentres o Concello perde autonomía e capacidade de investimento, o alcalde continúa gastando en festas. En Friol, o churrasco sáenos caro, e cada vez máis.”
Tamén criticou a forma en que o goberno local levou por urxencia a cesión dunha nova parcela a Aspanaes para instalar a súa infraestrutura térmica: “O curioso é que esta urxencia non é do Concello, senón dunha entidade privada. Agora resulta que a calefacción non colle na parcela cedida, e o alcalde corre a regalar outro anaco de terreo municipal. É coma facer unha casa e logo pedirlle ao veciño o sitio para o quentador”.
En positivo, Pardo celebrou o apoio unánime da corporación á tramitación da declaración BIC da igrexa de Santa María de Guimarei. “Ogallá non acabe como a tramitación BIC da Torre de Friol, apoiada dúas veces en Pleno e sen avances nin cumprimento dos seus propios decretos”, concluíu.