O PSOE de Friol pide "transparencia" na cesión das parcelas municipais para o proxecto de Aspnais

LugoXa | TerraChaXa
O grupo municipal socialista votou en contra este martes no Pleno desta medida
ana-maria-pardopsoe-friol
30 Out 2024

No pleno extraordinario celebrado este martes no concello de Friol, o grupo socialista votou en contra da cesión de dúas parcelas municipais destinadas á construción dun centro de atención a persoas con autismo, impulsado pola asociación Aspnais e coa colaboración da Xunta de Galicia. Un voto en contra que “non reflicte unha oposición ao proxecto en si, senón á falta de planificación e transparencia nas condicións propostas para a cesión, cuestións que consideramos fundamentais para protexer os intereses e garantir un uso responsable do patrimonio público”, detalla a Voceira socialista na localidade, Ana Pardo.

Pardo detalla que os motivos do voto en contra céntranse en tres puntos principais: a falta de planificación previa, a incerteza nas condicións de cesión e a posibilidade de crear un convenio para garantir a transparencia e o control público sobre esta cesión.

Pardo manifesta a súa preocupación pola convocatoria urxente deste pleno extraordinario, convocado debido á necesidade de Aspnais de xustificar os prazos de financiamento. “Esta urxencia débese á falta de previsión tanto por parte da Xunta como da asociación. Un proxecto desta importancia e impacto debería ser planificado con suficiente antelación para permitir un procedemento detallado e exhaustivo, asegurando así o cumprimento de todas as garantías administrativas e legais sen depender de procedementos de urxencia”, concreta a socialista.

Así mesmo, os socialistas de Friol apuntan que a reversión das parcelas ao Concello “só en caso de que non se inicien as actuacións nos próximos cinco anos ou se interrompa a actividade nos seguintes trinta”. Non obstante, o grupo socialista sinala que non se especifican outras condicións relevantes, como a viabilidade financeira do proxecto e o uso futuro da parcela, “aspectos críticos para garantir que este recurso público beneficie de forma duradeira á cidadanía”, indican.

O grupo socialista suxire que, en lugar de ceder as parcelas sen condicións concretas, o Concello de Friol debería subscribir un convenio coa Xunta de Galicia para que o proxecto se desenvolva baixo o amparo da Lei de Contratación do Estado. Desta maneira, “asegúrase que a execución do proxecto de Aspnais contará con control e transparencia, evitando que os fondos públicos sexan xestionados por unha entidade privada sen supervisión administrativa adecuada”.

Así mesmo, a Voceira do grupo socialista aclara que “non estamos en contra da construción deste centro, que sabemos que pode ser un recurso valioso para moitas familias. Pero temos a responsabilidade de defender os intereses públicos e de esixir que calquera cesión de patrimonio municipal se realice con transparencia e con todas as garantías legais. Queremos asegurar un uso responsable dos recursos de todas e todos os veciños de Friol”.

O grupo socialista reafirma o seu compromiso co benestar das persoas con autismo e co uso responsable do patrimonio público e avanzan que continuará “traballando para que proxectos coma este, que poden supoñer un importante beneficio social, se leven a cabo con todas as garantías de transparencia e control público necesarias”.

0.18087601661682