O PSOE de Lugo leva a Pleno a primeira aprobación dun criterio único urbanístico

LugoXa
O executivo de Lara Méndez levará  ao Pleno do vindeiro día 29 deste mes a aprobación dun criterio interpretativo urbanístico.
Foto de arquivo da alcaldesa de Lugo e o edil de urbanismo alvaro santos
26 Abr 2021

O executivo de Lara Méndez, a través da concellaría de Sostenibilidade Urbana, levará  ao Pleno do vindeiro día 29 deste mes a aprobación dun criterio interpretativo urbanístico sobre o tratamento das rasantes nos plans parciais aprobados co obxectivo  de “aportar unha maior claridade e seguridade aos solicitantes dos permisos, xerar un  menor impacto nas construcións e axilizar os tempos de tramitación”, avanza o edil  Alvaro Santos. 

Será esta a primeira vez que o Concello impulsa a axilidade das tramitacións  urbanísticas a través das harmonizacións de criterios do PXOM, unha das prioridades  que marcou a rexedora de Lugo a principios deste mandato.  

Concretamente, no Pleno abordarase a definición clara de rasante a ter en conta nas  construcións en ladeira nos planeamentos aprobados e incorporados ao PXOM (UZPIS) ou que non estean acondicionadas axeitadamente polo proxecto de urbanización. 

Segundo os informes técnicos nos que sustenta esta unificación de criterio, é necesario  definir o que é a rasante da vía ou da beirarrúa para establecer as aliñacións e alturas  das edificacións, pero tamén se debe clarificar a rasante natural do terreo, que permitirá  establecer o resto dos parámetros a computar da edificación, así como o acabado da  parcela, implantación, peches cos viarios ou coas parcelas laterais, etc. 

Desta maneira, evitaranse que se levanten muros de contencións e peches imposibles  entre parcelas e nas frontes dos viarios como está a pasar en parcelas nas que o terreo  non quedou acondicionado e fai inviable a implantación das edificacións sen o  acondicionamento de desmonte e/ ou recheo previo, afectando non só a un predio senón  a todos os colindantes. Por este motivo, “o criterio deberá ser o mesmo para todas as parcelas”, incide Alvaro Santos. 

Neste senso, o criterio interpretativo que se leva a Pleno establecerá que: “Debe ser entendido por talud natural do terreo sobre o que se vaia a implantar a edificación unha superficie plana que una a rasante/aliñación do vial superior co  rasante/aliñación do vial inferior, evitando así muros de contencións entre parcelas e nas  frontes dos viais. Establecerase así con esa nova superficie, que define o talud, a que  delimite as distintas liñas de talud natural de terreo en cada un dos puntos de contacto  coa nova edificación como as que definen as construcións baixo e sobre rasante”. 

Con esta harmonización, sostén o concelleiro de Sostenibidade Urbana, “damos un  novo paso para deseñar solucións rápidas e menos latosas e custosas aos problemas  dos cidadáns na súas tramitacións urbanísticas, que é un dos principais obxectivos que  perseguimos”. 

0.19172811508179