O PSOE de Monterroso critica que o Concello segue sen adxudicar a praza de arquitecto municipal
O Voceiro do PSOE en Monterroso, Rafael García criticou hoxe o “lamentable espectáculo que está dando o equipo de Goberno de Monterroso sobre a contratación temporal dunha praza de arquitecto municipal, nun procedemento administrativo que comezou fai máis de seis meses e que a día de hoxe aínda non foi resolta”.
E insisten nas súas criticas “que vamos a esperar do Equipo de Goberno do Concello de Monterroso no que que atinxe á xestión urbanística do noso concello, si nin tan sequera foron capaces de resolver o proceso de selección do técnico municipal”.
Ademais critican que este posto de traballo, que aparece recollido na RPT do Concello e que conta polo tanto coa conseguinte consignación orzamentaria, non se cubra polo procedemento ordinario, regularizando así deste xeito a praza deste técnico municipal que é imprescindible para o funcionamento do Concello.
Segundo a cronoloxía dos feitos, a principios do ano 2021 o Concello de Monterroso presentou unha proposta para participar no Plan Único da Deputación, no que se incluía o apartado de Depuemprego a contratación dun Arquitecto municipal a tempo completo por un período de 12 meses. E tendo que estar xustificada esta contratación a 31 de outubro de 2022, sen supoñer un só euro para as arcas municipais esta contratación, sufragando integramente os custes a Deputación a través do investimento do Plan Único.
3.300 EUROS MENSUAIS
Os socialistas advirten que o chamativo “é que neste intre en vez de acelerar o proceso de selección para optimizar os recursos municipais, a Alcaldesa optou no mes de marzo de 2021 e despois de estar dende principios de ano sen técnico, de asinar un convenio de asesoramento urbanístico co Concello de Outeiro de Rei para asistir tecnicamente ao noso concello, e que conta con dous técnicos. Esta nefasta xestión suponlle un custe económico ás arcas municipais do noso Concello de máis de 3.300 euros mensuais”.
PROCEDEMENTO
A realidade de todo este procedemento é que o pasado día 9 de xuño de 2021, saíu publicada no B.O.P as bases para a contratación do Arquitecto municipal con cargo a subvención da Deputación de Lugo, pero que a día de hoxe aínda está sen resolver, atopándose no período de resolución de alegacións dos candidatos, e perdendo polo tanto dende o mes de outubro do ano pasado os meses de contratación para poder xustificar o período completo deste traballador.
Polo tanto, dende o Grupo Socialista de Monterroso “denunciamos a incompetencia do Equipo de Goberno para regularizar esta situación sen optimizar os recursos económicos dos que dispoñemos, e que en definitiva nos saen do peto a todos ás veciñas e veciños. Hai que lembrar ademais que estamos pendentes de aprobar o P.X.O.M e o Plan Especial do Casco histórico, estes atrasos supoñen un grave prexuízo para os propietarios de solares, xa que se atopan con enormes dificultades para a obtención de licenzas de construción ou ven como se devalúan as súas propiedades pola falta da aprobación destes proxectos. Nestes intres estamos rexéndonos por unhas Normas Subsidiarias de Planeamento Urbanístico que datan do ano 1997, quedándose absolutamente obsoletas a realidade urbanística actual”, sinalan.