O PSOE de Monterroso demanda a cesión da LU-3301
O grupo municipal socialista solicitou nun comunicado a Excma Deputación Provincial de Lugo a transferencia ao Concello de Monterroso da titularidade da LU-3301 dende o KM O ata o KM 1, é dicir a Avda do Marco, dende a Intersección da Avda de Lugo ata a Área Recreativa de “O Picón”. "Coñecendo a delicada situación económica pola que está a atravesar o sector da hostelería motivado pola crise sanitaria que nos tocou vivir, observamos que dende o concello non existen instrumentos legais para a aplicación da ordenanza reguladora da ocupación da vía pública con mesas, cadeiras e outros elementos móbiles naquelas vías da cal non é titular. E onde os propios hostaleiros teñen que adaptarse a nova realidade que nos marca a pandemia, reorientando a explotación e xestión dos seus negocios facendo uso desas terrazas como unha alternativa de aproveitamento dos aforos permitidos pola lexislación vixente".
A Avda do Marco é unha vía de titularidade da Deputación Provincial de Lugo, denominada LU-3301, que arranca en pleno casco urbano dende a intersección coa Avda de Lugo, e que leva ata a parroquia de Tarrio de Buxergos, que conta cunha distancia aproximada en todo o vial de 10 km, aproximadamente.
"Esta rúa é unha das vías urbanas de Monterroso que ten moita diaria, xa que na mesma se asentan varios negocios adicados a hostelería, así como algúns outros como pode ser algún establecemento de estética, xestorías, imprenta ou un establecemento téxtil, quedando de manifesto o volume de movemento de persoas que a diario utilizan esta Avda", trasladou o grupo municipal socialista.
Ademais, engadiu, "tamén nalgunha ocasión esta rúa utilizouse por parte do Concello e doutros colectivos locais para o desenrolo de diferentes eventos culturais, sociais e deportivos, onde foi preciso o corte da rúa ao tráfico rodado para garantir a seguridade das persoas. Atopándonos sempre con esas dificultades burocráticas que se tiñan que salvar dende o Concello, ao non ter competencia nin autonomía sobre esta vía xa que non é titular da mesma".