O PSOE de Monterroso denuncia a xestión que fai o Concello dos recursos económicos
O Voceiro do PSOE en Monterroso, Rafael García denunciou hoxe o despilfarro dos recursos económicos do Concello por parte do Equipo de Goberno, mentres invisten en propaganda política. Así o dixo trala celebración de dúas sesión plenarias, nas que se deu conta dun recoñecemento extraxudicial de créditos, “polas obrigas económicas pendentes de pago e que foron adquiridas no exercicio 2021 por un importe de 97.601,12 euros, que contaba cun informe de reparo suspensivo emitido pola Servizo de Intervención do Concello”, advirte.
Os socialistas replican que este reparo “é un claro indicador da mala xestión económica que executa o goberno sobre as contas municipais”. Coas cifras enriba da mesa podemos sinalar que o Goberno de Monterroso “deixou de pagar un total de 75 facturas por falla de liquidez, tendo que esperar polo cobro os correspondentes tódolos provedores que son os que realmente están a sufrir estas neglixencias”.
Puntualizan que entre as facturas que estaban pendentes de pago atópanse entre outras o pago de exercicios básicos e diarios do Concello, como por exemplo, “a facturación do subministro eléctrico do propio Concello que estivo sen pagar dende decembro do ano pasado, a recollida do lixo dende novembro, a prestación do Servizo de Axuda no Fogar, a adquisición de produtos alimenticios para o Centro de Día, Vivenda Comunitaria, as comidas a Domicilio, a Gardería Municipal, os Almorzos Saudables ou a adquisición da compra de víveres para as familias máis necesitadas da nosa vila”, etc.
Dende o Grupo Socialista de Monterroso replican que para gobernar un Concello “é imprescindible ter unha boa planificación do gasto, e por suposto, ter sempre presentes as prioridades no gasto corrente, cuestión primordial en calquera economía local. Por iso denunciamos unha vez máis que esta xestión é unha verdadeira temeridade e ademais é reincidente por parte da Alcaldía”.
Neste punto hai que lembrar que a propia Alcaldesa asumiu o levantamento do reparo de Intervención, no que se advirte de que se adoptou este acordo en contra da lexislación vixente. “Por todo isto, o Grupo Socialista non vai a ser cómplice das súas tropelías e ilegalidades e tampouco imos ser partícipes nas responsabilidades penais que se podan derivar ao respecto neste asunto. E polo ben do futuro político económico do noso Concello pedímoslle que se deixe asesorar polos servizos municipais, que son os que velan polo cumprimento da lexislación vixente”, insisten.
Aprobación do Orzamento Municipal
Outro punto da orde do dia da sesión plenaria foi o relacionado coa aprobación definitiva do orzamento municipal, e no que se debateu unha alegación que presentou a Asociación de veciños de Cumbraos. Xa que no prazo de exposición ao público esta entidade demandou unha subvención nominativa ao igual que se lle concedeu a outra da mesma índole, pero que foi rexeitada polo Goberno de Monterroso, que preside Rocío Seijas.
“Dende o PSdeG defendemos unha distribución dos recursos públicos con criterios obxectivos e transparentes. E por suposto que apoiamos que os colectivos como os veciños de Cumbraos, poidan recibir axudas económicas xa que serven para dinamizar a vida cultural e social das nosas parroquias. Pero o que denunciamos é que dende o Concello concedan arbitrariamente estas axudas, hai que ter un criterio”, explican. Por iso propuxemos que se elabore un Plan Estratéxico Municipal de Subvencións, “a través deste documento as 20 asociacións da vila terían a posibilidade de participar no reparto dos fondos económicos municipais en igualdade de condicións”.
Subida da auga nun 6,5 % a proposta da Alcaldía
No que se refire á modificación da Ordenanza Fiscal de Auga e Vertidos que implicaba unha subida do 6,5 % segundo a proposta da Alcaldía, pero que finalmente, e gracias ás advertencias socialistas foi retirado da orde do dia. “Temos que remarcar que a auga é articulo de 1ª necesidade e plantexar nestes intres unha subida desta índole, parécenos que non é a mellor opción para os veciños de Monterroso, neste momento de recuperación da crise económica que nos deixou a COVID 19, e así o expresamos na sesión plenaria”.
Pero ademais, esta subida non se axusta ao contrato asinado coa concesionaria do servizo de abastecemento de auga. “Polo tanto estamos ante un calculo errado, xa que segundo o INE o IPC para o tramo de agosto a agosto é de 3,3 %, e así o expresamos na sesión plenaria, advertindo a Alcaldía de que se a proposta era aprobada o grupo socialista presentaría unha alegación contra dita aprobación”. Finalmente a proposta foi retirada.
Reconversión da Vivenda Comunitaria
Defenderon unha vez mais, a través dunha moción, a reconversión da Vivenda Comunitaria. “O Goberno de Seijas amosou novamente o seu talante político e rexeitou esta proposta para acelerar estes trámites diante da Consellería de Política Social co fin de impulsar este cambio de uso destas instalacións. Un asunto que está tendo consecuencias nefastas para a nosa veciñanza, xa que teñen que buscar praza noutras residencias limítrofes por non ter un Centro adaptado para persoas dependentes”, denuncian.
Pleno extraordinario por despedimento irregular
O Grupo Socialista solicitou un pleno extraordinario para demandar á Alcaldía explicacións sobre o despedimento irregular dun operario da empresa concesionaria do Servizo Municipal de Recollida de Lixo, en base o Informe emitido pola Alcaldía, acusando ao traballador de incumprir as súas obrigas profesionais. Dende o Grupo Socialista reclaman as correspondentes explicacións para que a veciñanza de Monterroso puidera coñecer toda a verdade deste asunto. “Pero o único que quedou patente é que houbo un comportamento deleznable por parte da Alcaldía, xa que asegurou que houbo un mal funcionamento deste servizo, pero sen aportar nin unha soa proba ao respecto en sede xudicial”.
O traballador foi readmitido en base a sentenza do Xulgado do Social nº 1 de Lugo, tendo que aboarlle os salarios que deixou de percibir máis unha indemnización por danos morais, e pola vulneración de dereitos fundamentais de liberdade política e sindical. “A Alcaldesa debería de ter un pouco de dignidade e pedir desculpas ao traballador e a súa familia polo dano causado”, afirman.