O PSOE de Monterroso denuncia o “oportunismo” do Goberno local por aprobar unha "moción baleira"

O Grupo Municipal Socialista de Monterroso denuncia a incoherencia mostrada polo concelleiro non adscrito e polo Goberno local, que no pleno celebrado onte apoiaron unha moción sobre a antiga Vivenda Comunitaria "moi semellante na forma pero radicalmente distinta no fondo á que eles mesmos rexeitaron en outubro de 2024, cando foi presentada polo PSOE".
A proposta socialista debatida en outubro, apostaba por reconverter o edificio nun Fogar Residencial de 25 prazas, un modelo asistencial próximo e de alta calidade, semellante ao das residencias da Deputación de Lugo. O plan incluía, ademais, a elaboración dunha memoria técnica das deficiencias do edificio, o arranxo urxente das instalacións, a solicitude de colaboración á Consellería de Política Social e a integración no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. A moción partía dunha visión global e social, coa vontade de recuperar un servizo público esencial para as persoas maiores do municipio, especialmente aquelas con dependencia leve ou moderada. “Era unha proposta pensada para dar solucións reais, non para cubrir expediente”, sinalan os socialistas.
Pola contra, a moción aprobada no pleno de onte, limítase a pedir un inventario dos bens almacenados no edificio e algúns traballos de mantemento, sen ningunha mención á recuperación do servizo asistencial nin ao seu aproveitamento social. “É difícil de entender que hoxe se vote a favor dunha proposta tan limitada, cando fai uns meses rexeitaron unha iniciativa moito máis completa. Cando o señor Gato dixo entón que a nosa proposta era un ‘queda ben’, isto que é agora? ¿Un ‘queda mellor’?”, ironizan desde o grupo socialista.
O PSOE lembra que a Vivenda Comunitaria leva pechada desde maio de 2022 e que, de terse actuado con responsabilidade desde entón, hoxe podería estar en funcionamento e prestando un servizo moi necesario para a veciñanza de Monterroso. “Desde o primeiro día que se pechou empezamos a traballar por este centro. Houbo tempo máis que suficiente para buscar financiamento e poñelo de novo ao servizo da xente”, insiste o portavoz socialista.
Ademais, dende o PSdeG subliñan que a súa moción contou no seu momento co apoio doutras forzas da corporación, como o BNG e o Partido Galego, e mesmo tivo eco no Parlamento de Galicia. “Non se pode facer política útil copiando mal e tarde as ideas dos demais. O que se aprobou agora é unha moción baleira de contido social, sen proxecto nin finalidade. Iso non é xestión, é oportunismo”, conclúe Rafael García.
O Grupo Socialista reafirma o seu compromiso coa defensa dun modelo asistencial público, próximo e de calidade, e continuará traballando para que Monterroso recupere servizos á altura das súas necesidades.
RESPOSTA DO PARTIDO POPULAR
"O Partido Socialista de Monterroso fai sempre o mesmo. Propostas demagóxicas que na maior parte dos casos son imposibles de materializar. Con estas declaracións veñen a demostrar que descoñecen totalmente as características da vivenda comunitaria e os requisitos necesarios para un fogar residencial", así contestaron os populares ás declaracións socialistas.
Aseguraron que no seu momento a vivenda comunitaria foi construída cunhas determinadas características que non son acordes para dedicalo ó uso que propoñen.
"No seu momento debido a que presentaba numerosas deficiencias (humidades, nas paredes, desconchóns, filtracións de auga de chuvia na súa cuberta) que motivaron a imposición dunha sanción por parte da Consellería de Política social de preto de 20.000 euros debido precisamente a estes defectos. Isto todo, xunto con que naquel momento soamente quedaban na vivenda comunitaria 2 persoas e o persoal que se necesitaba para atender o citado centro supoñía un elevado custe a rexedora municipal que gobernaba naquel momento decidiu pechala", explican.
Afirman que a día de hoxe o edificio presenta múltiples deficiencias, tales coma desconchóns nas fachadas con algún desprendemento, filtracións mediante goteiras procedentes da chuvia nunha cuberta plana que nunca cumpriu a súa función de illamento, o cal require un "forte investimento que non pode asumir o Concello de forma urxente como pedía o voceiro socialista no seu momento, senón que precisaría de apoio económico doutras administracións para acometer o mesmo".
"Todo esto, xunto que as características do edificio principal, impiden coa súa configuración actual transformalo en fogar residencial, e o número de prazas que podería ter para persoas dependentes en Grados 2 e 3 sería non superior a seis presenta moitas dúbidas sobre a posibilidade de mantelo aberto a custo relativamente razoable que non sobrecargue as arcas municipais que xa están tremendamente sobrecargadas debido á gran cantidade de servizos sociais que presta o concello de Monterroso ós seus veciños", engaden.
No caso do edificio que foi dedicado a vivenda comunitaria, din que actualmente non cumpriría cos fins que persegue unha residencia posto que os usuarios que a poderían empregar serían persoas que non tiveran un grao de discapacidade superior a grado 1, e polo tanto non existe demanda suficiente nin tampouco cumpriría as necesidades reais que reclaman as familias.
"O voceiro do partido socialista non é consciente de que os recursos públicos é necesario tamén empregalos con criterios de eficiencia e eficacia, xa que se debe sopesar se realmente é o fin que se lle debe dar a esta construción ou ben é mellor buscar outra alternativa habitacional para este edificio e en vez de seguir enterrando diñeiro na vivenda senón vai servir para acadar os fins perseguidos de atender persoas maiores dependentes", aseguran.
Conclúan dicindo que o que si precisa Monterroso é unha verdadeira residencia da terceira idade "onde se atendan persoas dependentes que iso si que é unha demanda da poboación da nosa vila que é a vila máis poboada da comarca da Ulloa, que actualmente carece dunha instalación de este tipo".